Maersk, a segunda maior navieira do mundo segundo o ranking da consultora analista de datos marítimos Alphaliner, elixiu a España -e moi probablemente a Galicia- como localización estratéxica para desenvolver un proxecto co que tenta producir carburante verde de seu e situarse deste xeito na vangarda do “reto da descarbonización” que o sector marítimo -ata o de agora o máis atrasado neste eido- debe abordar.
Maersk conta con 750 buques, 100.000 empregados en 120 países, o e 20% da cota de mercado no transporte internacional. A compañía leva meses traballando o Goberno español para contrastar que Espala é un emprazamento estratéxico para producir e-metanol.
“Trátase dun electro combustible sostible cero emisións que resulta dun proceso químico”, explicaba Carlos Bravo, responsable en España da asociación Transport and enviroment . Para a súa produción precísase hidróxeno verde (que se obtén a través de hidrólise da auga utilizando enerxía sustentable como a eólica ou a fotovoltaica) á que posteriormente, a través de procesos químicos, se acompaña de capturas de dióxido de carbono. Un proceso complicado que tecnicamente está moi avanzado pero que aínda apenas existe produción mundial e que, de momento, pugna co amoníaco por se converter no carburante verde dese futuro dos grandes medios de transporte mundial (entre estes o marítimo).
Fontes do Goberno confirmaron que o proxecto suporá un investimento total de 10.000 millóns de euros e a creación de 4.000 empregos directos, uns 35.000 durante o proceso de construción e outros 40.000 indirectos. A compañía conta actualmente con 1.700 empregados , 12 portos, 10 cidades e 5 terminais marítimas. A máis, situaría a España como localización estratéxica no futuro mapa das rutas do transporte descarbonizado.
Os detalles finais do proxecto presentado este xoves. non se coñecerán ata mediados de 2023. Formula desenvolver senllas plantas de produción que estarían situadas en Andalucía e Galicia para producir dous millóns de toneladas de metanol.
Maersk, que aposta por liderar o proceso de descarbonización, adiantou o reto de 2050 ao 2040 e ven ser na actualidade un dos maiores consumidores de enerxías fósiles con 10 millóns de toneladas de gasóleo ao ano.
O primeiro paso para abordar o cambio foi encargar a construción de 19 buques que funcionarán con e-metanol verde antes de 2024 e, debido
á ausencia de provedores que lle aseguren a nivel mundial o acceso a este combustible, Maersk está a apostar polo autoabastecemento.
Vai necesitar 20 millóns de toneladas de e-metanol, dos que 12.013 será producidos por eles mesmos nas súas plantas, confiando en que para 2030 xa existan outros provedores ao longo do mundo que lles permitan compensar esa diferenza.
Para isto teñen a previsión de desenvolver 5 ou 6 puntos estratéxicos en todo o planeta que permitan producir ese combustible e que os seus barcos podan repostar sen problemas ao longo das rutas internacionais marítimas. A primeira localización anunciada é a do Cairo, en Exipto; a segunda, España.
A posta en marcha do plan -a realizar en dúas fases- centrárase a mediados do ano 2024 no desenvolvemento dos detalles do proceso. Fontes de Moncloa constataron que España é un país no que resulta rendible producir metanol, que é o que necesita Maersk. Antes de 2025, é factible producir 200.000 toneladas de metanol e, entre o 2025 e 2027 se producirá un millón de toneladas anuais de metanol.
Será daquela cando se avalíe se o e-metanol gaña a batalla de se converter no carburante do futuro ou o fai o amoníaco. Ou ambos á vez.