O Concello de Boiro e a ABE celebran esta finde a Festa do Comercio con descontos e animación de rúa

23 Novembro 2022

O Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresarios celebran esta fin de semana un programa dobre con descontos nos comercios e animación nas rúas. Na presentación da actividade, celebrada este mércores 23 de novembro no Consistorio, participaron o alcalde, José Ramón Romero, a concelleira de Cultura, María Outeiral; e o presidente da ABE, Daniel García.

Segundo fixeron saber, o programa da Festa do Comercio comeza o venres 25, coincidindo co Black Friday e poñendo en xogo descontos especiais nos establecementos participantes.

A celebración prosegue o sábado cunha nova edición da Noite Aberta, con descontos e actividades, agasallos, sorteos e máis sorpresas nas tendas.

“Esta Festa do Comercio é un exemplo da colaboración entre o Concello e a ABE para potenciar o comercio local con actividades culturais”, afirmou o alcalde José Ramón Romero na presentación.

Programación especial da área de Cultura

Ademais das promocións comerciais, o departamento de Cultura preparou unha programación especial con actividades na rúa, musicais, infantís e de animación itinerante. “As sinerxías entre os departamentos son fundamentais para que poidamos ter fins de semana repletas de actividades coma esta, con propostas culturais e comerciais para dinamizar o noso concello”, afirmou a concelleira de Cultura, María Outeiral.

Descontos compatíbeis

Os descontos serán compatíbeis co Bono Comercio da Xunta de Galicia e os establecementos participantes nesta iniciativa estarán sinalizados coas bandeiras rosas da Noite Aberta. Toda a programación dos comercios participantes e descontos está dispoñíbel na web da ABE.

Segundo informou na presentación Daniel García, presidente da ABE, “este ano animáronse a participar máis de 30 establecementos comerciais, que contarán cun programa de actividades e descontos durante a fin de semana”.

Ademais, os clientes que realicen as súas compras estes dous días terán premios directos coa ruleta da sorte ABE, que estará situada na rúa Pablo Iglesias dende as 16.30 horas e ata as 20.30 horas. Con cada tícket de 10 euros gañarase unha tirada coa que poderemos conseguir agasallos directos como cuncas, bolsas de algodón, lambonadas, xoguetes, colgantes para o móbil ou mochilas, entre outros agasallos.

A campaña e a Festa do Comercio de Boiro está financiada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través de Fondos NextGenerationUE mediante unha subvención para o Proxecto de modernización do centro comercial aberto de Boiro.

Programación

Venres 25

18.30h – Espectáculo itinerante Os trasnos revoltosos (Sarao Animación)

20.30h – Blues do País na Terraza do Barbantia

Sábado 26

11.30 e 13.30h – Obradoiros de reciclaxe e maquillaxe creativo para nenos e nenas na rúa Peonil

12.30 e 14.30h – Espectáculo itinerante Mekánica Rollin Band

17.30h – Espectáculo itinerante Damas rosas e photocall na rúa peonil (Sarao Animación)

18.30h – Espectáculo itinerante Mezzo (Pistacatro)

20.00h – Espectáculo itinerante Coro Encaixe

Outros artigos

Este venres celébrase o XXXVII Trofeo Ciclocross Concello de Boiro

Este venres 6 de decembro vaise celebrar a XXXVII edición do Trofeo Ciclocross do Concello de Boiro. Será en praia Xardín, a partir das 10.00 horas, organizado polo Club Ciclista Barbanza co apoio do Concello boirense. Esta proba deportiva está preparada para as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión