O BNG avoga nos Orzamentos do Estado pola recuperación dos nosos areais degradados e por dotar de servizo ferroviario ao Barbanza

03 Novembro 2022

O Bloque Nacionalista Galego presentou as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para a comarca da Barbanza focalizando a súa actuación na recuperación ambiental de espazos naturais. Así mesmo, a organización nacionalista a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, anunciou que vai defender a implantación na comarca dun servizo de transporte ferroviario que permita conectar os catro municipios coas principais cidades do país.

Entre as contornas pendentes de rexeneración atópanse os cantís de Tanxil-Pedra Vixía-Tronco, en Rianxo, que están moi deteriorados pola erosión do mar e a perda de terreo. Segundo lembra o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, este proxecto chegou a incluírse nos Orzamentos do Estado de 2007 mais, finalmente, o Executivo estatal non o executou. “É máis necesario que nunca recuperar os acantilados e acometer estas obras” reclama.

Paralelamente, a organización nacionalista propón recuperar o borde litoral da Ribeiriña, no municipio da Pobra do Caramiñal, un espazo que transcorre polo chamado Camiño Real até a fronteira co concello de Boiro e que se atopa “moi deteriorado na actualidade, mais presentando un grande valor social e paisaxístico, con acceso a calas moi concorridas pola cidadanía”.

Outra dos puntos pendentes de recuperación é a praia dos Areos no concello da Pobra do Caramiñal, a única praia urbana do municipio, moi frecuentada pola veciñanza e polo visitantes da vila. Segundo explicou a tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal e portavoz municipal do BNG, Amparo Cerecedo, “unha parte desta praia xa se encontra en proceso de recuperación na actualidade, mais é necesaria unha segunda fase que permita finalizar a súa rexeneración total”.

Así mesmo, o BNG rexistrou un novo proxecto para a recuperación da praia da Corna, localizada entre os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira, que posúe un grande valor paisaxístico e natural, cunha flora e unha fauna que necesitan da súa recuperación ante a degradación que presenta a día de hoxe.

Servizo de transporte ferroviario para A Barbanza

A fronte nacionalista, ademais, presenta un proxecto para estudar a conexión ferroviaria na comarca da Barbanza. “É necesario realizar un estudo técnico para a implantación dunha conexión ferroviaria que conecte a comarca coas principais cidades, dando unha alternativa de transporte público, sustentábel e áxil” explica o deputado.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Ribeira e responsábel comarcal, Luís Pérez Barral, lembra que o Barbanza non dispón na actualidade dunha conexión ferroviaria que facilite unha mobilidade alternativa a pesar de que, entre os catro concellos -Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo-, ten máis de 66 mil posíbeis persoas usuarias e a estación máis próxima é a de Padrón, a máis de corenta quilómetros.

“O desenvolvemento do tren lixeiro, de proximidade ou unha liña de ferrocarril, axudaría a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ao mesmo tempo que facilitaría que moitas persoas, que por motivos laborais ou de estudo teñen que desprazarse fóra da comarca, manteñan as súas vivendas na área grazas a ter unha boa rede de transporte público”, finda o deputado nacionalista na cámara baixa.

Outros artigos

Ribeira presenta un Maio Cultural cheo de propostas diversas

O Concello de Ribeira presentou o programa do Maio Cultural 2025, que organiza a Concellería de Cultura de Ribeira en colaboración coas áreas de Educación e Normalización Lingüística. Na cita cos medios estiveron presentes Antía Alberte, concelleira de Cultura e Cruz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“No empiecen a leer si creen que estas líneas son las del comienzo de una historia. Este no es el comienzo de tal cosa. Tampoco lo es de unas memorias. Ni siquiera es una evocación. Estas líneas tratan tan solo de una brisa que pasa. Las brisas pasan. Se suceden unas...