Multitudinaria recepción ao Club Patinaxe Ribeira tras o éxito dos irmáns Marta e Adrián Blanco Dominguez na Copa de Europa

O salón de plenos foi escenario dun multitudinario acto de recepción oficial aos integrantes do Club Patinaxe Ribeira logo de que dos dous seus membros, os irmáns Adrián e Marta Blanco Rodríguez, acadaran a medalla de prata na final de parellas artístico en categoría cadete na Copa de Europa disputada o pasado mes en Rocarosso (Italia).
Con tal motivo os dous patinadores e a adestradora do club Elena Rey acompañaron ao alcalde Manuel Ruiz e ao concelleiro de Deportes Javier Sampedro na mesa presidencial para ser partícipes dun acto no que se ensalzou a traxectoria do club na difusión dapatinaxe artística no municipio.
Así, Elena Rey recordou que a entidade naceu no ano 2001 por iniciativa dun grupo de pais entre os que estaba o que foi o seu primeiro presidente, Manuel González Dios, e a secretaria María José Carreira. Resaltou o papel dos pais e nais para impulsar este deporte, que logo do traballo despregado está a producir moitas satisfaccións.
Pola súa parte, o alcalde de Ribeira salientou a importancia da formación a hora de consolidar calquera deporte e resaltou neste senso o exemplo do Club Patinaxe Ribeira, merecedor desta homenaxe. Ademais, fixo entrega aos dous irmáns de sendas camisolas térmicas coas letras de Ribeira (tamén o resto de deportistas do club recibiron unhas camisetas por cortesía do Concello).
O acto rematou cunha foto de familia na praza consistorial con participación dos patinadores e patinadoras presentes e outros membros do club, así como as autoridades participantes na recepción, entre as cales ademais do alcalde e o concelleiro de Deportes había representantes dos grupos municipais do PSOE e do BNG.