A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este martes 29 de novembro o concello de Lousame para asinar coa alcaldesa, Teresa Villaverde, o convenio polo que concede máis de 237.000 euros en préstamos sen xuros para levar a cabo cinco actuacións neste municipio. Estas accións materializaranse a través do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
A conselleira lembrou que “é a primeira vez que Lousame se beneficia desta iniciativa” e explicou que estes préstamos (reintegrábeis polo municipio nun prazo de 8 anos) teñen por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmóbeis en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.
Vázquez puxo en valor o financiamento de máis de 66.000 euros para mellorar a contorna da igrexa de San Xoán de Lousame para dotar á veciñanza dun espazo de lecer. O proxecto prevé a pavimentación de formigón desactivado na praza xerada e mediante lastro de pedra natural no actual trazado da estrada; a mellora visual dos contedores existentes, a instalación dunha nova marquesiña e a recollida de augas na vía.
Tamén se pavimentarán os viarios de acceso ao núcleo de Camboño, con abundante tráfico tanto peonil como rodado, cun orzamento de máis de 63.000 euros, e destinaranse outros 37.000 euros a reducir a contaminación luminosa coa mellora da eficiencia do alumeado público en varias instalacións municipais contribuíndo ao desenvolvemento dun novo modelo enerxético para o Concello.
A maiores, levaranse a cabo melloras nos lavadoiros de Lesende e Meixonfrío, cun financiamento de 49.545 euros e 20.710 euros, respectivamente. En ambos os dous casos substituiranse as cubertas por unhas novas, a unha auga, a base de piares, vigas e correas de aceiro sobre as que se colocará un taboleiro, placas onduladas de fibrocemento e tella cerámica do país. No caso do lavadoiro de Lesende tamén se pavimentará o espazo lindeiro mediante formigón desactivado.
Durante a sinatura destes convenios, a conselleira lembrou que “a través deste fondo de cooperación para a rehabilitación, creado hai 6 anos, concedéronse ata 2021 préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros para financiar 50 actuacións nun total de 23 concellos”.
Na convocatoria de 2022, cos asinados este 29 de novembro, suman xa 26 convenios asinados con 16 concellos por unha contía de 5,42 millóns de euros e “aínda están pendentes de avaliación varias peticións logo de que rematase o prazo de presentación de solicitudes o pasado 30 de setembro”, sinalou a conselleira, salientando que este fondo finánciase con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.