O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, mantivo este 3 de novembro unha reunión coa consellería de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para expoñerlle as alegacións do Concello ao proxecto de regulación do uso público e recreativo de illa de Rúa e illotes Guidoiros, que está en trámite de audiencia e que tería como consecuencia a prohibición da pesca deportiva na integridade destas illas, amais do acceso ás mesmas. A xuntanza deste xoves dá continuidade á previamente mantida entre o rexedor ribeirense e a directora xeral Belén do Campo.

Respecto da reunión coa conselleira, Ruiz Rivas manifestou que, compartindo a necesidade de protexer e preservar as cualidades naturais deste entorno situado na ría de Arousa, entende que “un enclave como illa de Rúa posúe unhas singularidades en comparación aos illotes Guidoiros Areoso e Pedregoso que fan que tal protección podería resultar excesiva, tendo en conta as súas características morfolóxicas e a escasa pegada do ser humano”.
Así, fixo saber que o Concello entende “que actividades como a pesca recreativa ou como a celebración de probas deportivas náuticas ou de nado poden ser perfectamente compatíbeis coa conservación deste espazo natural, sen que estean supeditadas a unha autorización excepcional”. E engadiu: “Máis que prohibir pedimos que se fagan as restricións acordes ás necesidades desas restricións”, subliñou o alcalde.
Dende a Consellería garantiuse en todo caso que a regulación non afectará ao tránsito de embarcacións como podería dar a entender unha eventual interpretación do texto inicial, susceptíbel de ser mellorado.
O alcalde expresou a súa confianza en que este período de audiencia sirva para achegar posturas.