Lousame saca a licitación as obras de pavimentado de Camboño, Burzó, Escabia e Aldea Vella por máis de 160.000 euros

16 Novembro 2022

O Concello de Lousame vén de sacar a licitación, por procedemento aberto simplificado e ordinario, tres proxectos de pavimentación nas aldeas de Camboño, Burzó, Escabia e Aldea Vella, en Gandarela, por un importe 133.781,79 euros.

Dende o Goberno local indican que as empresas interesadas en acceder a algunha destas tres licitacións teñen de prazo ata o vindeiro 5 de decembro para presentaren as súas ofertas. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que se trata “de pequenas actuacións que estamos acometendo por todo o municipio para ir mellorando pouco a pouco a accesibilidade e o interior das nosas aldeas, como as que van comezar en breve na localidade de Pousada”.

Praza central da aldea de Camboño, en Lousame

Segundo fixo saber, o proxecto máis importante dende o punto de vista orzamentario é o da pavimentación dun viario no núcleo de Camboño, “a primeira das tres fases nas que pretendemos mellorar o interior desta aldea”, puntualiza Villaverde Pais. As obras inclúen a nivelación do pavimento existente dun viario de 385 metros de lonxitude e 3,75 metros de ancho, que será pavimentado con cinco centímetros de saburra e quince de formigón, intercalando franxas de empedrado de granito silvestre. Conta cun orzamento de 67.467,21 euros.

O segundo proxecto, cun presuposto de 49.399,73 euros, inclúe dúas actuacións. A primeira é a pavimentación dos accesos á aldea de Burzó, dividida en dous treitos de 130 e 110 metros respectivamente e cun ancho de catro metros. Aplicaranse quince centímetros de grava e un triplo tratamento asfáltico. Completarase a obra coa colocación dun sinal de stop.

No que atinxe á pavimentación dos accesos á costa da Escabia, pavimentaranse con quince centímetros de saburra e dez de formigón un total de cinco treitos, que suman 240 metros e dun ancho variábel entre os 3 e os 10 metros. A obra completarase coa construción dun muro de contención de terras de 16 metros de longo por 3 metros de alto para a contención de terras.

Finalmente, o Concello de Lousame investirá 46.008,92 euros na pavimentación de catro viarios en Aldea Vella, en Gandarela. Catro viarios que suman 240 metros de lonxitude e cun ancho común de catro metros, intercalando franxas de empedrado (adoquín ) coma en Camboño. Así mesmo, inclúese a pavimentación dun treito de 90 metros de longo e 5 de ancho, así como a limpeza de gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...