O Concello de Lousame vai conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero coa lectura dun manifesto institucional. Será este venres 25 de novembro, ás 12.30 horas, na praza Teodomiro Hidalgo. O acto estará presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, e ao que se sumará a rapazada do CPI Cernadas de Castro, que procederán á lectura dalgúns escritos e porán en escena unha representación sobre a violencia contra a muller.

Ciberquedada
O alumnado tamén participou na xornada deste mércores 23 nunha ciberquedada con outros institutos da provincia da Coruña para abordar a problemática da violencia de xénero nos contextos dixitais. Foi unha actividade incluída na iniciativa Ciberacción para público xuvenil: Afrontamento das violencias na rede, organizada pola Deputación Provincial onde o alumnado tratou de cuestións como o sexting, o grooming ou outras formas de ciberacoso. Así mesmo, o alumnado dos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria acometeu a actividade Ciberacción para público infantil: Canto sabes sobre as violencias dixitais?, un xogo interactivo cunha guía didáctica.

Paralelamente, o Concello de Lousame está desenvolvendo nas redes sociais a campaña de sensibilización Eu digo NON á violencia de xénero onde a veciñanza ten que facerse unha fotografía co material da campaña, dispoñíbel na fachada da Casa do Concello. Unha imaxe que deberán compartir nas súas redes sociais etiquetando ao Concello de Lousame no seu Facebook (concello.delousame), Instagram (somoslousame) ou Twitter (@SomosLousame). O Concello fai saber que aquelas persoas que non dispoñan de redes sociais, poden enviar as súas imaxes por WhatsApp ao 689 126 385 (que serán compartidas no Facebook do Concello). Entre todas as participantes sortearanse 6 vales de 50 euros en material deportivo.
Finalmente, os sábados 10 e 17 de decembro a Concellería de Igualdade organizará unha nova edición do curso de defensa persoal dirixido a mulleres, que terá lugar no ximnasio do CPI Cernadas de Castro, e impartido por membros da Federación galega de Loita. Unha actividade que se levará a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade.
