
O xoves 27 de outubro a Corporación Municipal do Concello de Rianxo aprobou por unanimidade o protocolo de irmanamento co concello arxentino de Bernasconi, lugar onde residiu a familia Rodríguez Castelao, a finais do século XIX.
A figura e legado de Alfonso Castelao volve unha e outra vez ao noso presente. En abril do presente ano, foi colocado un cartel na ruta Nacional 154 en Bernasconi, provincia de La Pampa, Arxentina, sinalando e poñendo en valor o sitio onde estivo o almacén “La Cruz Colorada” propiedade de Mariano Rodríguez Dios, e fogar da familia Rodríguez Castelao dende 1896 ao 1900. Neste fogar galego no medio da Pampa naceron Xosefina e Teresa, e Castelao lembra así o seu paso pola Pampa: Aquí deixou o meu pai as pegadas do seu traballo e das súas iniciativas, nunha extensa zona da Pampa Central antes deserta… na primeira vivenda humana que se alzou na Colorada Grande.
… Alí fíxenme mozo, aprendín a traballar; adapteime facilmente á vida libre dos campos abertos. Alí agromou en min ese sentimento irrefreable de liberdade que me fixo pensar no porvir da miña terra.
Coñecedores da importancia que esperta a figura polifacética e referencial de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao para o Concello e pobo de Rianxo, o conxunto de Galicia e a nosa diáspora arxentina, maila sensibilidade amosada polo Municipio de Bernasconi en salientar a biografía do noso ilustre veciño, desenvolveranse diversas actividades de intercambio cultural. Entre elas, o próximo martes 15 de novembro, ás 13hs, haberá un intercambio escolar entre os institutos Félix Muriel, de Rianxo; o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol, de Buenos Aires e o Mariano Moreno, de Bernasconi. No evento online participarán, tamén, os respectivos alcaldes de Bernasconi Miguel Kittler e Adolfo Muíños de Rianxo; Valentín García, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Xan Leira, como coordinador. Mais, os verdadeiros protagonistas deste primeiro e singular encontro online de irmanamento escolar entre as dúas beiras son o alumnado e profesorado destes tres institutos: Francisco Alcalde Esperante, Pablo Calvo Costas, Rubén Domínguez Ordóñez, Xian Duro Suárez, Uxía González Patiño, Sara González Piñeiro, Lois Patiño Rodríguez e Pablo Valladares iglesias, coordinados polos docentes Raúl Castro e María Rodríguez, do IES Felíx Muriel, de Rianxo; Melina Ostertag, Abril Bonfigli e Alejandro Fuhr, e as docentes Romina Gravina y Stella Pofh do Instituto Mariano Moreno de Bernasconi; e Luca Posatini Saez, Lola Sánchez e Natalia Pulleiro, coordinados polo docente e Director xeral do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Buenos Aires, Carlos Brandeiro.