“Fraga, contra reloxio! (Hoxe cumpriría cen anos)” – Xulio Xiz

23 Novembro 2022

De Fraga chamou sempre a atención dos que coincidiamos con el en celebracións e actos de todo tipo, a súa velocidade, como querendo aproveitar – dominar – o reloxo, como se fose consciente en todo momento de que o tempo se nos vai, e hai que aproveitalo ao segundo… E de repente, no seu centenario, lembro tres – para min – especiais “tempos”con el, en Lugo, Begonte e Vilalba.

En Lugo…

    Abril de 1990. A Peña de Amigos de San Roque que presidía José Serafín Pena Souto quixo render homenaxe a Xoan Montes, con busto daquela os xardíns do barrio, e eu colaborei como secretario de  organización. Nun dos actos participou Manuel Fraga, presidente da Xunta, e os membros da organización e autoridades tiñan previsto chegar uns minutos do comezo da celebración para recibir ao presidente. Por se acaso, como teño por costume, adianteime máis de media hora.
    Trinta e cinco minutos antes da hora prevista para o comezo, apareceu o presidente Fraga sen ninguén con máis representación ca min para atendelo. Estrañado de que non houbese ninguén máis, preguntoume que podíamos facer, coa boa sorte de que apareceu un grupo de señoras de idade – menor que a teño eu hoxe – entusiastas de Fraga, que o rodearon e comezaron a preguntar cousas e facer observacións. Non se me ocorreu outra cousa que trasladar ao grupo, espontáneo pero compacto, a un bar da mesma praza, onde pasaron na mellor das harmonías o tempo que faltaba para a recepción oficial do Presidente.

Pregoeiro en Begonte

    A segunda, en 1992, comezo do mes de decembro, Manuel Fraga pregoeiro do Nadal begontino na igrexa parroquial, ás seis da tarde. Da Radio Galega avisaron previamente que ás seis e cinco, despois do informativo, entrarían en directo para transmitir o pregón. Perfecto.
    Antes das seis menos cuarto chegou Fraga, e recibímolo o alcalde, o párroco e máis eu. Presentámoslle aos que estaban para recibilo, e como facía frío, entramos na igrexa. Eran as seis menos dez e preguntoume cando empezabamos… respondinlle que estaba posto para as seis, e procurariamos ser o más puntuais posible.
    Ás seis menos cinco sinaloume repetidamente o seu reloxo co índice esquerdo e eu respondinlle cun xesto de desolación indicando que no meu faltaban cinco minutos, e funcionaba ben.
    Ás seis xa lle entendín o sinal de que ou empezábamos ou se levantaba, polo que puntualmente comecei cos prolegómenos, falando dos vinte anos do Belén (Agora son 50), a súa traxectoria, a lembranza do fundador e do creador, a Coral que ía cantar – naturalmente, a Polifónica de Vilalba – e a singular traxectoria do Pregoeiro do Nadal. Nunca souben se a Radio Galega chegou a tempo ou non. Fixen o que puiden.

No Certame de Vilalba

    En Vilalba non é unha ocasión determinada senón numerosos 30 de agosto, desde 1975 celebración do pregón das festas e culminación do Certame Literario.
    Se a cita era ás sete, había que chegar ás seis e media porque don Manuel, que viña da súa casa na que os vellos chamamos “A carretera”, chegaba sempre moi cedo. “Ola, presentador”, era o seu saúdo. Non eran as autoridades o que o recibían, senón que na práctica era Fraga, con mando en praza (fose cal quixer o cargo que ostentase) quen recibía a convidados e autoridades. E quería empezar os actos cando aínda non chegaran os principais actuantes, a pesar de que estes contaban con chegar con tempo abondo.
    En Vilalba o problema era menor porque nunca faltaban vellos ou novos coñecidos, de todas as clases sociais, que querían aproveitar a ocasión para estreitar a súa man. En Vilalba a súa paciencia era proverbial, e resistía presentacións, actos, saúdos, pregóns… con estoicismo exemplar. Só unha vez abandonou o local mediado o pregón, porque ao pregoeiro, gran amigo del por certo, se lle ocorreu percorrer teoricamente a historia da música, acompañando a oratoria con fragmentos  musicais de todos os tempos que soaban nunha sala ateigada de atónitos asistentes.

Cando ían arredor de tres cuartos de hora da conferencia, don Manuel cansou e deixou ao amigo coa palabra na boca, e como dixo Cervantes “miró al soslayo, fuese y no hubo nada”. O pregón durou tres cuartos de hora máis.
    Aínda me parece estar escoitando os firmes pasos dos zapatóns de Fraga no piso de madeira do salón. Hoxe, cumpriría cen anos.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...