Sí, o vindeiro 13 de novembro van cumprirse 20 anos da aparición a unhas catro millas de Muxía, en plena Costa da Morte, do petroleiro de Bahamas “Prestige” que, a máis de servir para poñer nome propio a bares e restaurantes galegos, veu espallar en tres mil quilómetros de costas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Basco, sur de Francia e norte de Portugal chapapote tan denso e mouro como as conciencias dalgunhas das persoas que lixugaron para sempre a historia do mar.
Tocoume daquela, e posteriormente durante moito tempo, escribir e falar en radio e televisión do acontecido dende as 15,40 horas daquel día de vai 20 anos. E xusto cando nos aproximamos a ESE TRISTÍSIMO ANIVERSARIO, agroman todas aquelas vivencias que daquela dixera eran nefastas , mentira sobre mentiras, e que hoxe fai que me ratifique co engadido de que, no meu criterio, os case tres meses que botou no cárcere de Teixeiro (A Coruña) o capitán grego Apostolos Mangouras -máxima autoridade a bordo do “Prestige”- deberan ser multiplicados para moitos, a maioría, dos que en teoría eran, foron, os maiores responsables do acontecido e, aínda hoxe, seguen a ser personaxes principais da maior catástrofe vivida na historia marítima española. Unha historia non escrita verdadeiramente, porque bo número dos implicados naquela desfeita pavonéanse polas redacións dos medios de comunicación silenciando as súas culpas e depositando nas costas dos demáis unhas responsabilidades que a eles lles correspsonden e que non teñen discusión.
Responsabilidades das que nen sequera poden eximirse algúns dos “héroes” que se apuntan a apareceren como loitadores dende as súas pequenas embarcacións contra o infernal gasóleo que logo aprendemos a denominar, uns e outros, “chapapote” formado a partir duns “hilitos de plastilina que solidifican”, ao dicir de Mariano Rajoy Brey, a quen o daquela presidente do Goberno, José María Aznar, investira ministro para todo canto tivese que ver con aquel grave accidente que “pasou” a negro a visión que todos tiñamos da nosa costa, coa excepción do Goberno e a Xunta, especialmente os ministros Álvarez Cascos, Trillo Figueroa, o propio Rajoy Brey, e un case que longo etcétera do que non poden quedar escluídos o director xeral da Mariña Mercante, o presidente da Xunta e o capitán marítimo da Coruña.
Vinte anos de absoluto mutismo -exceptuando os meses que durou o xuizo no que algúns dos citados compareceron- para agora, cando os medios de comunicación procuran aportar novos datos sobre o acontecido, caer nos mesmos erros, admitir as mesmas mentiras e retirar a palabra a moitos dos que máis terían que dicir ao respecto.
Vai un adianto, tan só: non foi un ministro o único que dixo que as praias galegas estaban “esplendorosas”, para evidenciar que non había marea negra que as afectara. Hai xornalistas -tanto de medios privados coma públicos- que seguen sen xustificar informacións que ían na liña gobernamental e que, a día de hoxe, semellan non ter os bemoles necesarios para recoñecer que actuaron en beneficio propio e ao mandado dos seus superiores mentres outras persoas arriscaban as súas vidas recollendo coas mans ou con pás a merda negra que o “Prestige” esparexeu no mar de Galicia. Para eles, aquí non pasou nada. Foi unha antroidada de Mangouras, a quen Mariña Mercante non permitiu “meter” no seo da ría de Corcubión un petroleiro que, inicialmente, podía ser controlado e que, sen embargo, optaron por levalo “ao quinto pino” para facer que todo canto vertía ao mar chegase, ampliado, á costa.