“E de repente sabes que pasaron 20 anos, e que todo foi mentira” (V). Antón Luaces

Moito se falou -e aínda se fala- dese empeño do Ministerio de Fomento e, obviamente, a Dirección Xeral da Mariña Mercante, de rebater a intención do capitán do “Prestige”, Apostolos Mangouras, de levar o buque a un porto de refuxio. O que tiña máis doado era o de Corcubiòn, partindo do feito de que, en 2002, non existían portos refuxio definidos senon que se recoñecía a totalidade da costa española como zona de recalada para calquera buque que precisara de axuda técnica para solucionar un problema fose este ou non semellante ao do monocasco mandado por Mangouras quen, segundo a Regra 11 de Marpol, tiña a facultade de tirar ao mar a carga do petroleiro. Non o fixo, malia estar o barco con sobreesforzo de case o 200% e aguantou 6 días.   

Cando se alonxou da costa o petroleiro xa era evidente a existencia en boa parte do litoral galego dunha marea negra sin paliativos, incrementada polo efecto abano facilitado por ese alonxamento: o barco distánciase da costa, o fuel aboia e as ondas, o vento e as correntes fan o resto. Pasóuse, xa que logo, dun verquido arredor do buque ata certo punto controlable, a outro agrandado por esas circunstancias citadas imposible de atallar.

No ano 1978 a Organización Marítima Internacional (OMI) publicaría a norma sobre o plan de emerxencia. E no ano 1998 (vixente ata o 2003) o “Prestige” tiña aprobado o plan de continxencias. O Plan Nacional de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental ten como primeiro obxectivo estabelecer as liñas básicas de actuación  a observar naqueles supostos nos que sobreveña un accidente mariño con resultado de contaminación.

A plataforma ”Nunca Máis” sinalou: “Os prexuizos ecolóxicos, sociais e económicos son gravísimos”  e “Non se tomaron as medidas necesarias e posibles para acabar coa indefensión da costa do noso paìs. Ignorouse que o litoral galego constitúe  no seu conxunto un patrimonio ambiental de enorme valor do que depende unha parte moi importante da nosa economía, do noso benestar”.

Mais nen o Goberno central nen a Xunta de Galicia souberon estar á altura da importancia que o accidente do “Prestige” tiña. Houbo precipitación, descoordinación, desorganización, lentitude na resposta, improvisación nesa resposta, ocultación de información e intentos de minimizar a gravidade do desastre, como asimesmo denunciou “Nunca Máis”.

O capitán Mangouras actuou correctamente. E, sen embargo, foi o único condenado xudicialmente, a máis de ser encarerado previamente. Os que tomaron a decisión de levar o “Prestige” ao “quinto pino”, ao igual que aqueles outros que propuñan o bombardeo do petroleiro, saíron limpos do longo xuizo celebrado na Coruña. A Administración de Bahamas condenou a actuación das autoridades españolas. O Colexio Oficial da Mariña Mercante Española (COMME) emitiu un comunicado o 25 de novembro de 2002 no que apoiaba a actuación do Ministerio de Fomento no caso do “Prestige”

Pola contra, as organizacións medioambientalistas galegas esixiron a demisión das autoridades responsables da xestión do accidente e da ausencia de medidas de prevención. Apuntaron daquela -novembro de 2002- á responsabilidade do presidente da Xunta, Manuel Fraga; do seu conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo; do ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos,  e do ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas, solicitando a demisión de todos eles. Non houbo tal.

A pesca, sumamente afectada por esta e outras anteriores mareas negras, causou estragos a entre o 40 e o 50%  da poboación de distintas vilas galegas nas que a pesca, ao igual que no conxunto da Comunidade Autónoma, era -e aínda é- un sector económico estratéxico no que a produción mermou durante varios anos posteriormente ao accidente.

Pero o Goberno de José María Aznar, por medio dun dos seus ministros, considerou que as praias galegas estaban “esplendentes”, algo no que algúns medios de comunicación, especialmente os de carácter público -e algúns privados- incidiron específicamente. Directivos deses medios públicos foron encargados -por outros de maior rango ou por propia vontade- de espallar a sensación de que, efectivamente, a marea negra

era un termo inexacto. Para eles a costa galega non tiña problemas. O sector pesqueiro, tampouco.