
Nomes: Federico Trillo, ministro de Defensa; Francisco Álvarez-Cascos, ministro de Fomento; Miguel Arias Cañete, Ministro de Agricultura e Pesca; Jaume Matas, ministro de Medio Ambiente; Mariano Rajpy, vicepresidente do Goberno; José Luis López-Sors, director xeral da Mariña Mercante; Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno en Galicia… foron os máis directamente implicados na catástrofe do “Prestige”. Pero hai máis, bastantes máis, que teñen que ver coa historia do petroleiro de Bahamas. Nas entrañas deste monocasco quedan historias por contar… porque non se contaron. Incognitas?. Sí, e dúbidas en torno ao por que da maior catástrofe ecolóxica mariña ata o de agora vivida en Europa, onde poucas zonas de mar quedan limpas. Aínda hoxe están por coñecer a fondo as repercusións medioambientais deste accidente; unha análise a fondo do papel dos medios de comunicación e algúns dos seus traballadores na información e a opinióemiotida sobre o afundimento do “Prestige”; a inaplicación do Plan Nacional de Continxencias…
Tirou o lector algunha lección deste accidente ou non se soubo por parte das autoridades e dos medios de comunicación transmitir datos abondo certos para formar unha idea?.
Unha cuestión: non se preguntan se pode repetirse outro caso “Prestige”?. Para min que sería pouco doado, debido a que a inmensa maioría dos buques petroleiros que navegan en augas internacionais están dotados do dobre casco; mais non me estrañaría, malia saber que máis ou menos, todos os países -con, lamentablemente, significativas ausencias- dispoñen de plans de continxencias para facer fronte a esas supostas novas catástrofes. España tamén. Outra cousa foi e é como se aplica.
Galicia e o seu papel na catástrofe foi absolutamente secundario: os órganos de resposta no mar en caso de contaminación accidental son a Dirección das Operacións no Mar, asignada á Dirección Xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Fomento; a Coordinación das Operacións no Mar, que están a cargo do capitán da zona marítima na que se produciu o sinistro (neste caso, Ángel del Real, capitán marítimo da Coruña), e os Grupos de Resposta, a cargo da Sociedade de Salvamento e Seguranza Marítima, cos seus medios materiais e humanos, que permiten tres labores principais: salvamento de vidas humanas no mar, operacións marítimas de descontaminación e operacións aéreas (vixiancia da progresión do verquido, obtención de probas gráficas e aplicación de produtos tensoactivos.
A Comunidade Autónoma non tiña pito que tocar e Manuel Fraga, presidente da Xunta, estaba de caza.
Ah, sí: Agustín Díaz Regueiro, inspector da capitanía marítima da Coruña foi “proclamado” heroe por ter baixado dun helicóptero -este en pleno voo- á cuberta do “Prestige”, que estaba impracticable para el, pero que era na que desenvolvían a súa actividade o capitán do buque, o primeiro oficial deste e o xefe de máquinas, únicos que quedaran no buque tras marchar a tripulacvón para A Coruña e Vigo.
Daquela díxose oficialmente que Díaz Regueiro fora vontariamente ao “Prestige” para poñer en marcha os motores do buque. Agora dí que o obrigaron a ir e que o capitán Mangouras se negaba a abodecelo porque a única autoridade que había a bordo era a súa, a de Mangouras. E así
era. Pero foi parar ao cárcere de Teixeiro onde permaneu case que tres meses mentres que aqueles que o levaron a Teixeiro ascenderon política e laboralmente.