“E de repente sabes que pasaron 20 anos, e que todo foi mentira” (II) – Antón Luaces

09 Novembro 2022

De todas as ideas que se barallaron para evitar que a carga de fuel pesado que transportaba o buque monocasco de Bahamas “Prestige” -que navegaba a ordes rumbo a Xibraltar aquel 13 de novembro de 2002- a máis peregrina foi, sen dúbida, a de utilizar dous avións F-16 para bombardear o barco coa intención de queimar o combustible que transportaba.

Ningún mariño afeito ao transporte de cargas como a que levaba o “Prestige” aconsellaría unha acción deste tipo, porque nunca se acadaría ese obxectivo. Pero tamén se barallou o afundimento do petroleiro pola intervención dun buque da Armada española, que dispararía contra el. Ao mesmo tempo, o gabinete de crise, constituído na delegación do Goberno en Galicia baixo a coordinación do titular deste, Arsenio Fernández de Mesa, non variou unha miga na súa decisión de afastar da costa o monocasco unha vez constatada a imposibilidade de executar as accións citadas .

O buque entrou no Dispositivo de Separación de Tráfico Marítimo de Fisterra, coordinado desde o Centro de Salvamento Marítimo de Monte Enxa (Porto do Son) na mañá dese 13 de novembro. Pouco antes das 16,00 horas chegou a estar a 28 millas de cabo Fisterra. Ás 15,30 horas,  aproximadamente, falei telefonicamente co director do, daquela, Servizo de  Busca e Salvamento da Xunta de Galicia, Fernando Novoa, para tratar de recadar uns datos sobre un asunto que nada tiña que ver, por certo, co “Prestige”. Mais, cando comezamos a conversa, alguén o chamou por outro teléfono. Atendeu esta chamada,  á que dou prioridade por se efectuar a mesma por un teléfono de emerxencia, e foi como tiven a oportunidade de me enterar do que acontecía no mar, cun buque fortemente escorado que transportaba carga perigosa. Rematada esta conversa que escoitei en parte (só o que dicía ao seu interlocutor Fernando Novoa) este díxome que tiña moita présa e que debía “deixarme”, engadindo que si era algo urxente o que eu requiría del. Respostei que chamaba para saber se era posible que me facilitara algún dato sobre un buque escorado que estaba perto da costa  galega (que foi, máis ou menos, o resumo do que puiden escoitar) e, sorprendido, Fernando Novoa quixo saber como me enterara diso. Obviamente, nada lle contei pero el si puido dicirme que había un buque con forte escora en augas de Galicia, e  que se trataba de coordinar os medios de rescate ou axuda, no seu caso. Ás 16,00 horas, no boletín horario de RNE, e cinco  minutos máis tarde no programa “Españoles en la Mar”  de Radio Exterior de España, puidemos trasladar á audiencia esa información, cun fallo lamentable: dabamos conta -porque así mo contou o responsable de Salvamento marítimo da Consellería de Pesca- de que o buque -nada dixen de que fose un petroleiro, algo que puidemos corroborar posteriormente-  rexistraba unha forte escora, que non estaba lonxe da costa e que nese momento  se rexistraba na zona  vento de perto de 70 quilómetros á hora e ondas de ata 8 metros de altura (datos estes recadados polo finado  Laureano Aragón Arroyo, compañeiro que diariamente faciltaba o parte meteorolóxico no mar, seguido con moito interese pola audiencia de “Españoles en la Mar”).

Co paso das horas constatouse polo manifesto de carga do buque, que este transportaba case que 77.000 toneladas de fuel pesado; que o “Prestige” se atopaba a 28 millas do cabo Fisterra e que o buque era un monocasco de 243,5 metros de eslora, 34 metros de manga, 18,7 m. de puntal e 14 metros de calado a plena carga.

O Centro Zonal de Coordinación de Salvamento mobilizou o helicóptero “Helimer Galicia”, de Salvamento Marítimo, e o “Pesca I”, da Xunta de Galicia, así como o remolcador “Ría de Vigo”·, contratado este por Salvamento Marítimo, dependente da dirección xeral da Mariña Mercante. Os dous helicópteros acadaron rescatar do buque a 24 tripulantes deste, que foron trasladados a centros médicos da Coruña e Vigo. A bordo do “Prestige” quedaron tan só o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas.

Co gabinete de crise preparando a que se supoñía ía ser unha longa noite comezaron a dar por sentadas as bases  do que sería ás poucas horas, a gran mentira que moitos contaron a unha poboación con moito medo enriba e as nefastas experiencias acaídas cos accidentes dos tamén petroleiros “Urquiola”, español,  afundido na ría da Coruña, após colidir cunha punta dos baixos das Xacentes, o 12 de maio de 1976, e o grego “Aegean Sea” (“Mar Exeo”) que embarrancou de proa e partiu en dous nos cantís da Torre de Hércules o 3 de decembro de 1992.

Outros artigos

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...

+

“Derechos o privilegios”. José Manuel Pena

Tanto en Europa como en el resto de los países del planeta se está a vivir una lucha desigual en la organización política y social;mientras unos responsables políticos y gobernantes abogan por el mantenimiento de los privilegios, otros defienden los derechosadquiridos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Vivir la Semana Santa”. José Antonio Constenla

“Vivir la Semana Santa”. José Antonio Constenla

La Semana Santa es la semana más importante del año, en ella nos adentramos a vivir en profundidad los misterios centrales de nuestra fe cristiana. El amor de Dios, la entrega del Hijo, la fe del creyente y la vida eterna recibida son las claves explicativas de esta...