Berrobambán leva a Outes o seu proxecto de reconstrución histórico-veciñal: Facer Memoria

07 Novembro 2022

A compañía Berrobambán iniciou en setembro, no concello de Mañón, a segunda temporada de Facer Memoria, un proxecto escénico e participativo que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña e que proseguirá a súa xira por Teo, Carballo e (esta semana que comeza o 7 de novembro) Outes. En palabras dos responsábeis da compañía, en Facer Memoria esváense “os límites entre escenario e patio de butacas, de xeito que se lle brinda voz ao público para contar no teatro as súas lembranzas”. A iniciativa é conducida pola dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira. Segundo anunciaron, tamén terá formato podcast, ou sexa, de arquivo sonoro dispoñíbel online.

O proxecto parte da tradición oral, “da creación comunitaria e da descuberta colectiva”, para desenvolver “un proceso teatral que desemboca nun encontro-espectáculo no auditorio municipal de cada concello no que a veciñanza participante intervirá sobre as táboas”, sinalouse na presentación, engadíndose que os seus obxectivos principais pasan por “coñecer a historia dos lugares que habitamos e a nosa contorna directa, recuperar a memoria oral, conservar a lingua e dar valor á memoria individual como paso previo para reconstruír a memoria colectiva”.

A primeira parada desta nova etapa de Facer Memoria desenvolveuse nas parroquias de Grañas do Sor e Bares de Mañón. Xa en outubro, no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT Carballo), Facer Memoria pivotou entre as parroquias carballesas de Oza e Verdillo. En novembro, Berrobambán visita os lugares de Cando e San Lourenzo, no concello de Outes, na semana do 7 ao 13. E por último, despedirá a súa segunda edición coa súa incursión en Teo, nas parroquias de Oza e máis dos Tilos, entre o 21 e o 27 de novembro.

En Outes, o calendario será o seguinte: este xoves 10, ás 19.00 h, Berrobambán reunirase coa veciñanza no Centro Sociocultural de Cando. Ao día seguinte, o venres 11, ás 20 h, o encontro darase no Local Social As Canliñas, en San Lourenzo, grazas á colaboración da Asociación de Veciños Sueiro. O centro de ensino que participará en Facer Memoria será o IES Poeta Añón, onde a rapazada se atopará con Berrobambán este xoves 10. A actuación final, que lle porá o ramo á experiencia deste proxecto no municipio, celebrase este sábado 12 de novembro ás 20.00 h na Casa da Cultura de Outes.

Escena e podcast

O proxecto desenvolve ao longo dunha semana un completo programa de accións e actividades que inclúe entrevistas individuais con veciños e veciñas que queiran compartir as súas experiencias vitais, xuntanzas abertas nos centros sociais de cada parroquia, reunións con escolares que teñan traballado na aula a recuperación da memoria local e, finalmente, un encontro-espectáculo no que participen as persoas entrevistas.

Como novidade nesta segunda edición, Facer Memoria tamén espalla o seu eido de acción ao son e a imaxe, xa que todas as entrevistas serán gravadas. Con este material, desenvolverase unha peza sonora, en formato de podcast, na que se recollen algunhas das historias contadas pola veciñanza para ampliar a súa difusión. Ademais, artellarase unha peza audiovisual a xeito de resumo da actividade de Facer Memoria en cada un dos concellos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.