Este martes 8 de novembro levouse a cabo a presentación da nova convocatoria da Ruta de Tapas Barbanza Arousa, que este ano marca un récord de establecementos participantes, superando os 60. Na presentación, que marca o arrinque desta iniciativa da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa (esta fin de semana), levaranse a cabo túneles do viño nos establecementos gañadores da anterior edición (durante os vindeiros catro venres ás 20.00 horas) e actividades en cada concello no transcurso das fins de semana. O acto levouse a cabo no Restaurante Adega Entre Os Ríos, situado na Pobra do Caramiñal.
Segundo se fixo saber, cada fin de semana poderanse degustar as tapas de cada un dos concellos de Barbanza Arousa combinadas cos viños do IGP Barbanza e Iria, de gran calidade, do mesmo xeito que todos os produtos gastronómicos do destino. Para iso participan no proxecto as 3 adegas do territorio: Entre Os Ríos, Saborido e Cazapitas.
O inicio oficial será en Rianxo o venres 11 de novembro co túnel do viño na Cafetería Toffe, situada na praza Virxe da Guadalupe.
Durante toda a fin de semana participarán na ruta os establecementos Toffe, O Vilar, Memphis, O Furancho, Castelao, O Aghro da Corna, O Curral do Marqués, O Costillar e A Ladeira. A próxima fin de semana será en Boiro, continuando o seguinte na Pobra do Caramiñal e finalizando en Ribeira.
As votacións realizaranse a través dun código QR e os votantes participarán en 4 sorteos de experiencias no destino, “fusionando desta maneira o turismo enogastronómico co experiencial e achegando valor ao destino Barbanza Arousa en mercados de proximidade” tal como expresou na presentación Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade. As experiencias serán un bautismo náutico, un paseo en veleiro pola ría de Arousa, dúas entradas para un evento e unha comida para dúas persoas. Correrán a cargo das empresas Palmira Scuba, Oceanic Arousa Tours, A Pousada da Galiza Imaxinaria e O Curral do Marqués, respectivamente.
Fátima Cachafeiro agradeceu tamén aos establecementos e ás adegas por “mellorar en participación e implicación ano tras ano”.
Así mesmo, Xosé Lois Piñeiro, presidente deste organismo e alcalde da Pobra do Caramiñal, manifestou tamén que “se seguirá traballando en apoio ao sector desde a mancomunidade con diferentes iniciativas nas que se sitúe Barbanza Arousa como destino de primeira orde”.