AGADEA Alzhéimer vai impartir dúas charlas en Aguiño e Outes para dotar ás persoas coidadoras de formación que lles permita mellorar a súa calidade de vida. A iniciativa forma parte dun plan estatal presente en 14 comunidades que pon o foco no ámbito rural. “As familias forman parte da enfermidade e deben ter unha boa calidade de vida”, afirma Alba Iglesias, psicóloga da entidade e encargada da formación.

A primeira cita será o vindeiro xoves, día 24 de novembro, ás 17.00 horas. AGADEA Alzhéimer levará a cabo unha charla na Casa da Cultura Manuel Ayaso de Aguiño. Posteriormente, o día 1 de decembro, esta charla terá lugar ás 17.00 h na Casa da Cultura de Serra de Outes.
Como dixemos, a psicóloga de AGADEA, Alba Iglesias será a encargada de impartir esta formación na que se falará do alzhéimer, pero tamén sobre a persoa coidadora.
Esta iniciativa, da Confederación Española de Alzheimer (CEAFA), en colaboración con Cinfa Saúde, está presente en 14 comunidades autónomas e implica decenas de profesionais que van impartir 190 formacións ata final de ano. Ademais, conta coa colaboración de concellos, neste caso dos de Ribeira e Outes.
Segundo informan dende AGADEA, a información, a formación e o adestramento en habilidades son “factores clave das necesidades que teñen as persoas coidadoras, sobre todo, nas zonas rurais, debido á falta de recursos”. O alzhéimer, en particular, e as demencias en xeral, afectan por partida tripla ás mulleres, “somos máis, vivimos máis e coidamos máis”, afirman desde CEAFA. En concreto, no 76% dos casos é a muller quen se encarga do coidado, segundo datos do estudo Consecuencias da enfermidade de Alzheimer no coidador familiar, elaborado por CEAFA en 2017 coa colaboración de Cinfa.