A segunda edición do Rally Ribeira – Ría de Arousa contará con 134 participantes

O salón de plenos do Consistorio de Ribeira acolleu na noite deste mércores 9 de novembro a presentación oficial do segundo Rally Ribeira-Ría de Arousa, última proba do campionato galego desta modalidade deportiva. O evento contou coa participación, entre outros, da directora da escudaría organizadora, Chus Iglesias; o vicepresidente da Federación Galega de Automobilismo, Fran Riaño; a xerente da mancomunidade Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro; e o alcalde de Ribeira Manuel Ruiz.

Chus Iglesias recordou que en maio de 2021 “nacía a escudaría Ribeira – Ría de Arousa co obxectivo de organizar unha proba na comarca para o desfrute da xente”. A súa andaina comezou cunha primeira edición da proba que reuniu 84 inscritos, que agora se eleva aos 134, un 59,52%.

Pola súa banda, o vicepresidente da Federación Fran Riaño manifestou que “había moitos anos que non irrompía unha proba coa forza que irrompeu este rally no certame galego, sendo o último que naceu así foi o da Mariña lucense, se ben estancouse nuns 90 participantes, mentres que o de Ribeira quedouse a dous coches de ser o récord de Galicia este ano”. Tamén avanzou que a proba vai contar cun vehículo único en España valorado nun millón de euros e que levará o dorsal número 1: un Citroën DS3 WRC ex Dani Sordo e ex Robert Kubica, que será pilotado por Víctor Senra, xa proclamado por sexto ano consecutivo campionato galego.

A competición estará integrada por seis treitos de dobre pasada. Tres deles percorreranse o sábado, denominándose Concello de Ribeira (descorrerá polo centro de Ribeira con 4,25 quilómetros), Construcións Abelleira (pola zona de Oleiros e Sobrido con 11,11 km.) e Mancomunidade do Barbanza (polo municipio da Pobra con 8,72). No domingo dispútanse o RDN competición (polo municipio de Rianxo: 10,44 km), Formigóns Barbanza (polo municipio de Boiro: 8,46 km.) e Construcións e Reformas RD (tamén polo concello de Boiro: 11,58 km.).

Fátima Cachafeiro significou que este tipo de iniciativas está axudando ao posicionamento turístico da comarca e acadando unha porcentaxe de ocupación hoteleira moi positiva no territorio: un dato no que afondou tamén o alcalde Manuel Ruiz quen subliñou que no termo ribeirense raia no cento por cento. Ruiz Rivas aproveitou para pedir comprensión polas molestias que poida ocasionar unha proba deportiva que vai beneficiar a moita xente no municipio e tamén informou de que o trofeo que entregarase ao gañador da cita foi elaborado por Abraham Benítez e recrea a Pedra da Ra.