A ciberquedada anti-machista da Deputación da Coruña reúne este mércores 24 centros de secundaria (seis da nosa comarca)

22 Novembro 2022

A programación de De Fronte, a campaña de Igualdade da Deputación da Coruña arredor do 25-N (Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres), ten esta semana dúas citas para subliñar no calendario. A primeira será este mércores 23 cando se retransmita desde o IES Rosalía Mera unha ciberquedada na que participará o alumnado de 24 centros de secundaria da provincia, incluídos seis centros de Lousame, Ribeira, Boiro e Rianxo. A segunda, o venres 25, será o acto institucional que se celebrará no IES Puga Ramón e ao que asistirán a deputada María Muíño e outros membros da Corporación provincial e persoal docente e alumnos e alumnas dese instituto.

Presentación da campaña da área de Igualdade da Deputación

Vídeos en Defronte.gal

Ademais, xa se pode ver na web da campaña defronte.gal o primeiro dos vídeos, protagonizados pola actriz Melania Cruz, para sensibilizar sobre diferentes situacións reais de violencia dixital e ofrecer ferramentas contra o ciberacoso, o sexting, asextorsión ou o groomin. Este primeiro audovisual aborda a ciberviolencia de xénero e alerta sobre o abuso que algunhas persoas adultas practican en Internet, usando por exemplo as redes sociais para acceder a alguén e xerar dependencia emocional, insultos, celos ou espiar as mensaxes e o móbil.

Este mércores, a maiores, publicaranse o segundo vídeo, sobre o sexting (ou mal uso de contido persoal erótico, como fotos ou vídeos, que nunca se debe compartir sen o consentimento da outra persoa), e o terceiro, sobre o grooming (cando un adulto se fai pasar por outra persoa para abusar ou acosar sexualmente nenas, nenos ou adolescentes). E o xoves compartirase o cuarto vídeo, que trata da sextorsión ou desquite pornográfico (cando se ameaza a alguén, na maioría dos casos mulleres, con difundir contidos sexuais desa persoa, xa sexa por cartos, para conseguir novas imaxes ou simplemente por vinganza), un delito que sempre debe ser denunciado.

Unha multitudinaria quedada en liña

As violencias dixitais serán o fío condutor da quedada, conducida pola politóloga especializada en igualdade de xénero Priscila Retamozo, que se retransmitirá a partir das 10.30 horas desde o IES Rosalía Mera e poderase seguir na canle de YouTube da Deputación. Participarán, ademais do anfitrión, estoutros 23 centros educativos coruñeses: IES Manuel Murguía (Arteixo), IES Leliadoura (Ribeira), IES de Brión (Brión), CPI Xanceda (Mesía), IES A Cachada (Boiro), IES Rafael Puga Ramón (A Coruña), IES Breamo (Pontedeume), IES Nº 1-Ribeira (Ribeira), CPI Ciaño Pequeno (Trazo), CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), IES Alfredo Brañas (Carballo), IES ORDES (Ordes), IES Espiñeira (Boiro), IES Isaac Díaz Pardo (Sada), IES Rego de Trabe (Culleredo), IES de Pastoriza (Arteixo), CPI de Zas (Zas), IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Maximino Romero de Lema (Zas), CPI Pecalama (Tordoia), IES Cacheiras (Teo) e IES Camilo José Cela (Padrón).

O venres 25, ás 9.45 horas, no IES Puga Ramón, a deputada de Igualdade, María Muíño, realizará unha lectura institucional nun acto no que o alumnado do Conservatorio de Danza da Deputación estreará un espectáculo preparado para a ocasión.

Ademais dos vídeos protagonizados por Melania Cruz, na web defronte.gal recompílanse unha serie de recursos, de utilidade para familias, persoal educador e poboación moza, orientados a afondar no traballo contra a violencia machista.

Por outra banda, Igualdade da Deputación lembra que o profesorado dispón dunha guía de apoio para traballar na aula a través do xogo interactivo Que sabes das violencias dixitais? Nela pode atoparse unha fundamentación sobre a que se basea a necesidade de traballar a violencia de xénero nas clase e, concretamente, cos grupos de idade correspondentes a 4º, 5º e 6º de Primaria. Ademais, faise unha proposta de como aplicar o xogo na aula e facilítase unha explicación dos contidos que recolle.

Outras das actividades de De Fronte son o obradoiro Que sabes de violencias dixitais?, que se impartirá o 29 de novembro na Asociación Ambar, e o programa de espectáculos Danza e liberdade, interpretado polo Conservatorio Profesional de Danza da Deputación, con estas datas e ás 19.30 horas en todas as citas:

-30 de novembro, no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Oleiros.

-1 de decembro, no Auditorio Municipal Alovi de As Pontes.

-2 de decembro, no Auditorio Municipal de Rianxo.

-3 de decembro, no Auditorio Municipal de Oroso.

Promoción comercial

A promoción comercial é outras das ferramentas que emprega Igualdade da Deputación para loitar este ano contra a desigualdade. Asi, repartirá 10.000 vasos co logo da campaña De Fronte en centros educativos e na ciberquedada, co obxectivo de “chamar a atención sobre a necesidade de que todas as persoas poidan gozar das bebidas por igual e con seguridade”. Trátase, comentan desde o departamento provincial, “de facer visíbeis os casos de submisión química que se están a producir nos últimos anos e do perigo que implican para a integridade física e emocional das mulleres”.

Outros artigos

Unha saída de vía en Ribeira deixou dúas mulleres feridas

Os equipos de emerxencias axudaron a saír ás implicadas, que foron evacuadas ao Hospital do Barbanza. Dotacións de bombeiros do Consorcio Contra Incendios e Salvamento de A Coruña con base en Boiro e Ribeira interviron en accidente no Concello de Ribeira. Dez minutos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...