A ABE dá a coñecer o palmarés dos Premios ABE 2022, formado por José España Silva, Carnicería Moncho Boga e A Terraza do Furancho

Rematado o prazo para os socios e socias da ABE escolleran as e os destinatarios dos seus galardóns, a Asociación Boirense de Empresarios deu a coñecer os nomes das persoas e empresas distinguidas este ano no Premios ABE, edición 2022. Trátase de José España Silva, Carnicería Moncho Boga e A Terraza do Furancho. A patronal destacou “a alta participación nesta nova convocatoria do certame, xa que só faltou un voto para igualar os rexistros do pasado ano que fora o récord absoluto, desta volta foron 648 votos. En canto as curiosidades, a ABE salientou que na categoría de mellor comercio ata 50 empresas diferentes recibiron votos e na de mellor empresa 67.

Na categoría de mellor comercio o gañador desta edición foi a Carnicería Moncho Boga, o establecemento que se localiza na Praza de Abastos de Boiro, que conta con 36 anos de traxectoria e que segue fiel á filosofía do seu fundador, Ramón Laíño, e da súa esposa, Lourdes Blanco. Segundo lembra a ABE, acaban de aumentar espazo de venda e exposición para seguir ofrecendo o mellor servizo e calidade aos seus clientes.

Na categoría de mellor empresa o gañador foi A Terraza do Furancho, local de restauración localizado no corazón de Boiro que ofrece un concepto gastronómico diferente, unha experiencia para os sentidos da man de dous emprendedores con ampla experiencia no sector.

Premio de honra

Categoría introducida o pasado ano, o premio é decidido pola xunta directiva da asociación. O obxectivo é “poñer en valor a traxectoria dun empresario ou empresaria na que a súa xestión representara un exemplo para os emprendedores da localidade e que a empresa que lidera tivera xerado riqueza e emprego en Boiro”. Nesta edición o galardón recae en José España Silva, empresario do sector da construción que desenvolve a súa actividade na empresa Construcións España e Fernández.

A directiva argumentou os seguintes motivos para a elección deste gañador:

-Pola súa ampla e contrastada traxectoria empresarial ao fronte dunha das empresas mais recoñecidas da localidade.

-Pola súa contribución ao desenvolvemento económico do pobo.

-Pola súa implantación no territorio e a colaboración con numerosas entidades e colectivos sociais, culturais e deportivos.

-Pola súa contribución ao asociacionismo xa que foi un dos empresarios asinantes da acta fundacional da ABE e membro da primeira xunta directiva.

Gala de entrega de premios

A gala celebrarase o vindeiro venres 18 de novembro a partir das 20.20 horas na Pousada da Galiza Imaxinaria. A presentación do acto recaerá na actriz Patricia Vázquez e a velada estará animada polo grupo musical Stormy Trucks. A entrada é exclusivamente con convite. Contarase con photocall, musica, pinchos e sobre todo a presenza do tecido empresarial local no que será a festa dos empresarios de Boiro.