Unha mostra e unha conferencia marcan o inicio das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán

O Museo Valle-Inclán da Pobra acolleu este venres 14 á noitiña a inauguración das xornadas en homenaxe ao escritor afincado na vila do Caramiñal e autor dalgúns dos fitos literarios máis relevantes das letras en lingua castelán do século XX. As xornadas, que chegaron á súa 24ª edición, abriron cunha mostra dos traballos presentados ao I Concurso de Carteis das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.

“Estes encontros son un exemplo de converxencia entre cultura e educación”, sinalou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE) coincidindo coa apertura ao público (na sala Iconografía Contemporánea) da dita mostra, composta polas 17 obras presentadas xunto con carteis promocionais de anteriores anos.

No acto, amenizado pola Escola de Música da Pobra, fíxose entrega do premio a Sara Martínez Narváez, autora da lámina gañadora para a divulgación deste evento; reprodución que se lle entregou como agasallo ás persoas asistentes ao coloquio que tivo lugar posteriormente no Auditorio.

No simposio Valle-Inclán, un escritor de éxito, o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina debullou as distintas fases que asumía o seu antepasado na publicación dun libro, pois, ademais de escritor, exerceu sempre como o seu propio editor agás nun par de volumes. A proxección de exemplares de xornais da época e libros de contas referendaron a explicación ofrecida. Ademais, non só vendía a través de libreiros de Madrid, senón tamén dunha editorial barcelonesa e da prensa carlista, nomeadamente, El Correo Español. Un exemplo das principais distribuidoras empregadas polo literato a partir de 1912 é Librería de Perlado, Páez y C.ª Sucesores de Hernando, levando o 50% da comisión, o que se traducía nun ingreso económico significativo naqueles tempos.

A programación esténdese ata finais de outubro con diversas actividades para tódolos públicos que culminarán no día 29 coa tradicional ofrenda cívica.

Axenda de actividades

O Concello da Pobra, a través da súa área de Cultura, celebra este mes de outubro a XXIV edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Comezaron este venres, como dixemos, coa mostra de carteis e cunha conferencia (Valle-Inclán un escritor de éxito) a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

Ao día seguinte, sábado 15 de outubro, celebrarase a presentación da banda deseñada Valle-Inclán, los años del esperpento, de Manuel López Poy, editado por Cascaborra. Será no Auditorio ás 20h. O domingo será a quenda de MyH Producciones e do director teatral David Martínez Sánchez, que representan Luces de Bohemia no Teatro Elma a partir das 20.00 horas.

O luns 17 haberá unha nova representación de Luces de Bohemia co alumnado do IES da Pobra, no Elma a partir das 12.15.

O xoves 20 o alumnado do IES participa na función Valle-Inclán e ti, baseada en textos do escritor, a cargo de Artes Estudio e Ramiro Neira (narrador). Será no Museo a partir das 11.30 horas.

O venres 21 Xelia Iglesias (USC) ofrece o relatorio Josefina Blanco, unha actriz esquecida. Comeza ás 20.30h no Auditorio Valle-Inclán.

O martes 25 haberá unha actividade cos colexios de primaria: O avó e outras historias para contar (textos de Valle-Inclán), a cargo de Charo Pita. Celebrarase no Museo Valle-Inclán cunha primeira sesión a partir das 11h e unha segunda ás 12.30h. Este espectáculo volve celebrarse os xoves 27 con dúas sesións: ás 11.30 e ás 13h.

O venres 28 represéntase o espectáculo De tal cuento tal astilla, a cargo de Érica González (textos de Valle-Inclán), no Museo a partir das 20.30 horas.

O programa remata o 29 cunha ruada de música tradicional a cargo de GMT Caraveiros e unha ofrenda cívica ao autor de Divinas palabras con lecturas de texto. Será no Cantón da Leña, a carón do monumento ao escritor, a partir das 12.30 horas. Actúan a Escola de Baile e Pandeiretas Caramiñas da Asociación de Amas de Casa.

Ademais, dende o 18 de outubro até o 2 de novembro desenvolverase coas escolas infantís locais a actividade Pinta a Valle-Inclán.