
A mínima corrección por parte da Comisión Europea dun erro criticado polos Estados membros da UE afectados polo veto ás artes de pesca de fondo, permite ao eurocomisario Sinkevicius un pequeno respiro e, de paso, pon en evidencia que a unión que semella existir entre as distintas frotas do sector pesqueiro español -nomeadamente en Galicia- é máis un artificio ca unha realidade tanxible: o regulamento non afecta a todas as frotas, e as non prexudicadas ollan con certa tranquilidade o futuro, cousas que non se permiten as que si terán que “pasar polo aro” desde o vindeiro domingo. Unha xogada mestra, digna dun tafur.
A modificación pola CE da súa formulación a respecto do veto en 87 zonas do Atlántico nororiental, non significa -nin moito menos- unha cesión para suspender o acto de execución da prohibición do uso de artes de fondo. A Comisión, se ben reduce parcialmente o veto a esas áreas sensibles, faino só no papel para suspender o regulamento polo que, en catro días, centos de barcos deixarán de faenar nos seus máis produtivos caladoiros.
A Comisión aférrase ao que di ter por escrito: en 41 das 87 áreas inicialmente sinaladas non se aplicará a prohibición por riba dos 400 metros, feito que para o ministro español Luis Planas é un “primeiro éxito” porque a decisión significa “limitar a aplicación de xeito moi significativo” xa que logo o regulamento non vai ser de aplicación en case que a metade das áreas previstas, un recoñecemento a aplicar en fondos de máis de 400 metros. É dicir: doe, pero menos. Cortan un dedo, mais quedan catro. Non se consola quen non quere.
Trátase dunhas exclusión por batimetría de 41 das 87 áreas, o que supón que a maioría da frota de arrastre poderá seguir faenando nas súas zonas cotiáns. (Un pouco de iodo na ferida). Porque nin sequera serán as 41 áreas completas, senón parte delas (cristalmina na ferida, pero hai ferida): as que faenan en fondos inferiores a 400 metros non están afectadas pola prohibición (mel no leite). Pero hai prohibición.
Deste xeito recoñece a Comisión que houbo dende un principio un erro de tipo “técnico” para a proteción dos ecosistemas mariños vulnerables, que quedará delimitado en espazos con profundidades de entre 400 e 800 metros, non en menos de 400 metros, que é o que establece o regulamento de augas profundas, que citábamos estes días no Barbanza.
Sexa o que sexa, España vai manter o recurso ao veto a toda a pesca de fondo nos cantís do Atlántico nororiental, entre outras cousas porque non se avaliou o impacto socioeconómico de calquera medida e a equilibralo proporcionalmente coa protección dos recursos e do medio ambiente.
Quedan cousas por facer. Moitas. Unha delas, xa en novembro, e que atinxe ao arrastre de fondo, como se o impacto ambiental deses aparellos fose igual, o mesmo, malia as notables diferenzas existentes entre un e outro arte.
Nesa ciaboga da Comisión “navega” agora mesmo o sector pesqueiro- É dicir: así vai a boia.