O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira acolle mañá, venres, día 28 de outubro, a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, do avogado e politólogo Roberto Mera, publicado por Belagua Ediciones. O acto, organizado en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, terá lugar ás 20.00 horas, e estará introducido por Marisol Guevara e Xulio Axeitos, da CRMH.
Neste libro, dispoñible en versións en galego e en castelán, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877- México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.
Pola súa trascendencia na recuperación da memoria democrática, o libro foi galardoado este ano co premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Investigación e Ensaio.
A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.
A epopea que narra este libro comeza co estoupido da Guerra Civil. Daquela Alejandro Viana tiña xa unha dilatada traxectoria vital e era un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade de Vigo.
Alejandro Viana, que puido porse a salvo nos primeiros compases da guerra porque tiña os medios económicos e os contactos necesarios para facelo, optou por permanecer xunto ao goberno da República no exilio francés e, á fronte do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, axudar os seus concidadáns na procura da liberdade, nun exemplo de entrega aos demais, fiel sempre aos valores republicanos.
O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».
Ribeira e as parroquias vibrarán este Nadal cunha axenda repleta de actividades
O Concello de Ribeira, a través da Concellería de Cultura e Festexos e coa colaboración doutras áreas como Comercio, Turismo e Xuventude, elaborou este ano unha nutrida e diversa programación de Nadal con firme de vontade de descentralizar a axenda (haberá actividades...