Outes achega esta tempada máis de 30 actividades deportivas, culturais e de lecer

O Concello de Outes, seguindo a súa liña de traballo de fomentar as actividades saudábeis, creativas e participativas entre a cidadanía, puxo a disposición da veciñanza unha ampla oferta de actividades deportivas, culturais e de lecer para a tempada de outono-inverno que vén de comezar este mes de outubro. Son máis de 30 actividades ofertadas e que organizan as áreas de Cultura, Deporte e Benestar do Concello. Dende o Concello salientan a importante demanda rexistrada entre a cidadanía en relación a este tipo de propostas, e máis aínda logo de dous anos con participación restrinxida por mor da COVID. Proba deste interese é o feito de que preto dun milleiro de persoas se tivera anotado xa, estes días, nas actividades propostas.

As actividades con máis participación son as organizadas polo Centro Social tales como obradoiros de memoria, bailoterapia ou pilates, dirixidas sobre todo a persoas maiores, que contan con 429 inscritos. Teñen como particularidade a súa descentralización ao celebrarse en distintos locais socias do concello xa que, ademais de no Centro Social da Serra, terán lugar no Cruceiro de Roo, San Cosme de Outeiro, Cando, Vila do Monte, San Lourenzo e O Freixo.

En canto ás actividades deportivas, inscribíronse polo momento 289 persoas sendo os cursos que se ofertan na Piscina Municipal os máis demandados, particularmente os cursos de natación para nenos. A área de deportes oferta actividades de tenis, tenis de mesa, fútbol sala, atletismo e body jump, entre outras propostas, complementándose así coas actividades organizadas polos distintos clubs deportivos do concello.

Finalmente, as actividades da área da cultura rexistraron polo momento un total de 226 persoas inscritas dos que algo máis da metade o fixeron na Escola de Música e Baile Tradicional e outros 70 anotáronse na Escola de Música municipal. Outras actividades ofertadas este ano foron os obadoiros de traballos manuais e pintura e, como novidade este ano, organízase un curso sobre a elaboración de Sancosmeiros, os famosos sombreiros de Outes, Noia e os concellos lindeiros. Este curso tivo unha grande demanda pero só contaba con 15 prazas dispoñibles polo “que se agarda que se poida repetir en vindeiras ocasións”, informou o Concello.