A Xunta de Galicia vén de incorporar 25 novos centros educativos públicos ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), unha adhesión que dá como resultado unha rede de798 centros integrados este curso, dos que 754 son públicos e 44 concertados. Entre as novas incorporacións figuran o CEIP Santa María do Castro (Cabo de Cruz, Boiro), o CEIP Plurilingüe de Campanario (Porto do Son) e o CEIP de Carreira (Ribeira).

O orzamento destinado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a este plan elévase a 1,6€ para cubrir tanto os fondos destinados aos colexios e institutos de nova incorporación como aos que continúan participando na iniciativa.
A Consellería explicou que “un ano máis a convocatoria dá prioridade aos centros do rural, de tal forma que, en igualdade de puntuación, teñen preferencia os situados en concellos de menor poboación”.
As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros integrados no programa en convocatorias anteriores, poderán destinar a asignación a fondos, a mobiliario e outros equipamentos (os incorporados nas convocatorias 2008-09 a 2012-13 e 2021-22) ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca (centros integrados na convocatoria de 2021/22).
A compra dos fondos realizarase, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e deberá incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser “convenientemente contempladas”, estipúlase na convocatoria, na que se engade que o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega. Ademais, poderase mercar con estas asignacións mobiliario específico e adaptado ás necesidades da comunidade educativa.
Por outra banda, os centros incluídos neste programa recibirán formación específica, así como asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería.