Ribeira e Galicia berrou a tarde deste sábado contra o veto europeo á pesca de fondo en 87 caladoiros do océano Atlántico que vai entra en vigor este domingo.
Sector pesqueiro, partidos políticos e sociedade civil clamaron ao unísono: “Non ao veto europeo á pesca de fondo”

Ao redor dun milleiro de persoas concentráronse este sábado na Praza do Concello de Ribeira para reclamar a Bruxelas que dea marcha atrás ao veto á pesca de fondo, que entrará en vigor este domingo e que prohibe a actividade en 87 caladoiros do Atlántico. Na localidade coruñesa plasmouse a unidade tanto do sector como de todos os partidos políticos do arco parlamentario galego, con representación do BNG, do PSdeG e do PP.
Sobre as escaleiras da Praza do Concello de Ribeira tomaron a palabra representantes do sector, do concello e tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana. A representante da Xunta quixo lanzar unha mensaxe a Europa e sinalou que “o verdadeiro veto que están a tentar aplicar é sobre as persoas”. “Sen o mar morremos e por el non daremos nin un paso atrás e dicimos non ao veto europeo á pesca de fondo”, proclamou entre aplausos a conselleira do Mar.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciaba en Vigo este xoves que finalmente quedarían fóra do veto 41 das 87 áreas afectadas. Horas máis tarde, Bruxelas corrixía as súas verbas e limitaba a exención ás zonas con menos de 400 metros de profundidade.
Con estes vaivéns, o sector afronta o futuro con moitas dúbidas. A Xunta calcula que o regulamento afectará uns 4.400 tripulantes galegos e terá un impacto global na economía da comunidade duns 816 millóns de euros.

Paralización da norma
Desde a súa aprobación e a publicación do regulamento, “por sorpresa” e a “mala fe”, segundo o executivo autonómico, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o propio Alfonso Rueda solicitaron a paralización e a revisión da norma, polos efectos socioeconómicos negativos que afectan sobre todo ás comarcas da Mariña, Ribeira e Vigo.
Esta semana, o Goberno central confirmou que vai presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ao entender que é “unha normativa inxusta” baseada en información científica “insuficiente e anticuada”.
Con todo, non formalizou unha petición de moratoria da súa entrada en vigor, polo que a norma estará vixente a partir deste domingo. Para interpoñer recurso ten de prazo ata mediados de novembro.

Por outra banda membros da ONG católica Cáritas e dos catequistas da parroquia de Ribeira, recolleron 1388 firmas!! en apoio do sector pesqueiro e contra contra o veto á pesca de fondo da UE, para elo instalaron mesas no atrio, na praza do peixe, na lonxa no malecon onde recolleron centos de firmas contra o veto á pesca de fondo da UE.
Desde a parroquia amosan o agradecemento de todo o equipo e do párroco Don Alfonso, polo apoio amosado e que é unha mostra mais da importancia do voluntariado parroquial.
