O BNG propón unha “gran fronte de País” a favor da frota ante o veto da UE que afecta a 200 barcos e centos de empregos

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cunha nutrida representación de entidades do sector pesqueiro afectado polo veto de Bruxelas á pesca de fondo, que aproveitou para propoñer unha “gran fronte de País” en defensa da frota afectada pola prohibición, un total de 200 barcos, 21 barcos, con centos de empregos directos e unha actividade económica valorada en 823 millóns de euros.

 “É un problema que de todos e de todas, que afecta de cheo ao conxunto da economía galega e debemos afrontalo desde esa perspectiva de País”, recalcou.

“Baixo ningunha circunstancia podemos tirar a toalla senón que hai que redobrar a presión política, social e institucional”, salientou a líder do BNG, “insistir no dereito da frota a pescar, en que a pesca é vertebral en Galiza desde o punto de vista económico, da creación de postos de traballo e de todo o complexo mar-industria”, argumentou tras a reunión con entidades como ARVIFederación Galega de ConfraríasOpromar, Asociación de arrastre de litoral, OPP 31 PescaGalicia, entre outras.

Igual que o sector, o Bloque defende unha xestión sostible dos recursos, pero Pontón foi moi crítica coa decisión da Unión Europea que esconde, denunciou, “intereses económicos”, ben dos grandes lobbys enerxéticos ou doutros actores que queren importar peixe doutras frotas, “é inaceptable e imos seguir defendendo o dereito deste País a pescar”.  Neste sentido, a líder nacionalista indicou que o veto de Bruxelas tamén impacta de cheo na soberanía alimentaria de Galiza.

“A quen se lle ocorre retirar do mercado toneladas de peixe xusto cando temos unha crise de prezos? O que vai supoñer son máis problemas para as familias para incorporar na cesta da compra un produto básico para unha alimentación saudable”, explicou.

Pontón solicitou que se formalice dunha vez a presentación do recurso xudicial por parte do Goberno do Estado e que vaia acompañado da solicitude de medidas cautelares que permitan a suspensión do veto, “porque sabemos que os recursos tardan moito en resolverse, mesmo anos, e non queremos que cando a xustiza lle dea a razón ao sector xa non haxa barcos que defender, nin haxa barcos para ir faenar”, alegou, polo tanto é fundamental que haxa unha moratoria “que non se faga efectiva a prohibición”.

A portavoz nacionalista destacou que o BNG vai aproveitar a comparecencia do comisario de Pesca na Eurocámara para reclamar a retirada do regulamento, deixando en evidencia a insolvencia da decisión.  E, de novo, o Bloque solicita axudas para a frota, “tanto para salvagardar todos e cada un dos postos de traballo como para evitar que se esnaquice nin un só barco máis”, axudas que deben ser articuladas tanto polo Goberno do Estado como pola Xunta, “para garantir que imos seguir mantendo a actividade da pesca de fondo”.

“Cando tes a todo un sector e a un País dicindo que isto é unha barbaridade, Bruxelas ten que escoitar e rectificar”, reclamou Pontón, deixando claro a prohibición afecta a 87 zonas de pesca. No encontro tamén participou o deputado Nestor Rego, e a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez.