Non se trata de apuntarse tantos políticos. Nin sequera de saber exactamente o grao de entendemento entre os máximos dirixentes da UE e o presidente español, Pedro Sánchez, este obxectivo de todas as críticas emanadas da oposición en territorio español.
É, exclusivamente, a necesidade de expor un feito constatable dende vai meses e que, nos últimos días se ten evidenciado: España, Portugal e Francia xa deron o primeiro paso cara ao desenvolvemento dun denominado “corredor verde” que permita unha interconexión enerxética na vella Europa, unha das moitas repercusións, aquí, do que Rusia e Ucraína están a provocar entre ambos os países e, de rebote, o grao de implicación -por proximidade en moitos sentidos- do resto de Estados europeos. Polo medio, o temor a unhas aínda máis graves consecuencias das xa moi graves acadadas en parte do continente tan afeita historicamente a guerras e invasións.
O Corredor Verde de Enerxía -de rexistro colateral a esta situación de guerra non declarada oficialmente- ten liña directa coa conversión de España nun “hub” (concentrador que permite centralizar diferentes operacións) enerxético con altas capacidades para producir enerxías renovables. O obxectivo é xerar hidróxeno verde que será posible canalizar ao resto da Unión Europea.
É, fundamentalmente, un proxecto de interese común para a UE e a interconexión será esencial para acadar o incremento do uso e integración de enerxías renovables, millorar as condicións de fiabilidade e reforzar a garantía de subministración eléctrica no territorio. Son esenciais asemade as enerxías renovables para combater o cambio climático e facilitar o acceso á electricidade a millóns de persoas que no mundo aínda carecen desta.
É certo é que as enerxías renovables teñen vantaxes medioambientais e sociais, unha vez que se desbotan posibilidades de futuro para os combustibles fósiles non renovables, coma o petróleo. Son un factor transversal no desenvolvemento da economía e o benestar social, que contribúen globalmente ao desenvolvemento sustentable, mais tamén é certo que a falta de cultura de transición e aproveitamento, a carencia de metodoloxías para a administración de riscos, a rexeración de modelos que procuran o investimento, ou a falta de estruturas de financiamento, legais e institucionais que promovan proxectos nesa liña, son atrancos sen resolver que, necesariamente, deberían ser superados de vez.
Malia todo, semella críble a posibilidade de que o crecemento dese tipo de enerxías -crecemento que atopa dificultades tanto en terra coma no mar, en Galicia- contribúe positivamente ao Produto Interior Bruto e ás contribucións do Estado.
Seremos quen de velo?