Medio Ambiente concede préstamos a Noia, O Son e Ribeira para actuacións de rehabilitación

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, vén de asinar cos alcaldes de Ares, Cabana de Bergantiños, Noia, Porto do Son e Ribeira os convenios polos que concede 1,72 millóns de euros para actuacións nestes territorios. Os acordos abéiranse ao Fondo de cooperación para o financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. A conselleira, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, sinalou que se trata de “préstamos sen xuros que deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos”.

As axudas permitirán ampliar e ordenar a rúa Romero Ortiz en Ribeira

O obxectivo destes fondos é, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmóbeis en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.

Deste xeito, o Concello de Porto do Son disporá de máis de 500.000 euros para rehabilitar a Casa de Ríos; Ares contará con preto de 21.500 € para acondicionar o edificio de locais de ensaio de Lubre; Noia obterá 350.000 € para restaurar a fábrica de curtidos da Chaínza, e Cabana de Bergantiños recibirá preto de 150.000 € para a reitoral de Cesullas. No caso de Ribeira, o Concello disporá de preto de 700.000 euros para dúas actuacións que permitirán a reordenación de dous espazos públicos na avenida Romero Ortiz e na DP-7305-Carreira.

Estes convenios, sumados aos asinados o pasado mes de setembro cos concellos de Curtis, A Pontenova, Dozón e Ponteareas por 1,2 millóns de euros, implican unha mobilización de 2,92 millóns de euros na oferta de 2022, unha convocatoria no marco da cal a Xunta está a analizar unha vintena de propostas presentadas por 14 concellos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asina cadanseu convenio de colaboración cos alcaldes de Ares, Cabana de Bergantiños, Noia, Ribeira e Porto do Son.