Fernando del Castillo faise co Trofeo 50ª Aniversario do Club Náutico de Ribeira – Trofeo Ramiro Carregal Rey

 Fernando González Del Castillo. Fotos Emilio Méndez

Segunda xornada do Trofeo 50ª Aniversario do Club Náutico e Deportivo de Ribeira – Trofeo Escola de Vela Ramiro Carregal Rey, que esta fin de semana congregou na comarca barbancesa aos mellores regatistas da vela infantil en Galicia, nunha regata clasificatoria no inicio da tempada velística para a formación do equipo autonómico.

Ata catro mangas logrou validar o Comité da Regata para o Grupo Amarelo, e dous para o Grupo Azul, cunha compoñente anordestada do 70-80 e 9 nós estables, facendo brillar as pequenas dos Optimist, ata 150 as que poboaron a ría de Arousa, nas proximidades da Illa de Rúa.

Finalmente, o coruñés Fernando González del Castillo, do Real Club Náutico da Coruña, fíxose co triunfo absoluto da regata, aínda que moi apertado en puntos polo seu inmediato perseguidor na táboa, ao que tan só lle avantaxou nunha unidade. O herculino rendou con 10 puntos, sendo a prata para o olívico do Real Club Náutico de Vigo, Paco Riveras, con 11 puntos, os mesmos para o metal bronceado que quedou en Ribeira, sendo o seu titula o regatista do Náutico e Deportivo, Bruno Iglesias.

A campioa feminina da cita foi a viguesa do Club Marítimo de Canido, Carolina Comesaña, sexta na listaxe absoluta, quedándose o Náutico vigués o triunfo Sub13 grazas a Luís Wizner. Canido tamén se adxudicaba a proba en Sub13 Feminino, grazas á intervención do seu representante, a viguesa Laura Pérez.

Respecto ao Grupo Prata Carmen Bermejo, do Real Club Náutico da Coruña, levaba o posto dourado, seguido de Enzo Ferrón, de Ribeira, pechando o podio a representante do RCN Vigo, Sara Reboredo.
Tras a regata de Ribeira sae a primeira convocatoria para realizar os primeiros adestramentos no Centro de Tecnificación de Vilagarcía de Arousa, listaxe que conforman os mellores deportistas que representarán a Galicia nas competicións nacionais.

A entrega de premios celebrouse ás 18.00 h. contando coa presenza de Ramiro Carregal Rey; José Luís Torres Colomer, presidente da sociedade deportiva de Riveira; Manuel Villaverde, presidente da Real Federación Galega de Vela; e María José Sampedro, entre outras moitas autoridades e membros da xunta directiva.

Carolina Comesaña-Campeona Femenina. Foto  Emilio Méndez