En Ribeira un centenar de rapaces de toda Galicia participarán no Torneo Solidario de Baloncesto en Beneficio de Tdah Salnés

05 Outubro 2022

O pavillón deportivo Torres Colomer, en Palmeira, acollerá este sábado o I Torneo Solidario Baloncesto Infantil Banco Mediolanum Cidade de Ribeira.
A competición desenvolverase nunha única xornada, que dará comezo o sábado 8 de outubro ás nove e media da mañá e rematará contra as sete da tarde. O campionato está organizado polo Club Baloncesto Barbanza. Nel participarán preto de cen rapaces de entre doce e catorce anos de diferentes equipos de toda Galicia.
A entrada terá un custe simbólico, unha achega voluntaria da cantidade que cada un queira aportar. Todo o recadado irá destinado a Asociación TDAH Salnés. Na presentación do evento, que tivo lugar o mércores 5 de outubro na Casa do Concello, a delegada comarcal da entidade, Pilar García Sampedro, asegurou que este tipo de eventos son moi necesarios xa que a cidadanía aínda non ten asumida a existencia do TDAH. Tamén quixo agradecer a implicación da Asociación Amas de Casa de Ribeira que estará coordinando a cantina solidaria.
O torneo está integrado dentro da 5ª Semana Solidaria do Banco Mediolanum. Desde a entidade financeira informaron de que o banco duplicará a cantidade recadada durante a xornada tamén en beneficio da Asociación TDAH Salnés. Ó finalizar a competición terá lugar un sorteo de produtos cedidos por comercios do municipio.
Na presentación tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Javier Sampedro e a edil de Educación, Juana Brión, que animaron ós interesados en asistir ó torneo e apoiar ós rapaces xa que, din, son o futuro do deporte.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión