En Ribeira licitada a creación dun innovador espazo deportivo urbano en Fontán

O Concello de Ribeira informou do inicio da licitación do novo Espazo Deportivo Urbano do barrio de Fontán, unha área de lecer xuvenil que busca responder á demanda da mocidade local en especialidades deportivas urbanas como o skate, o bmx, o roller e o scooter.

A nova infraestrutura, de 432 metros cadrados de superficie, situarase sobre unha parcela municipal de 480 metros cadrados situada en Fontán, a 200 metros do Paseo Marítimo do Touro e na contorna da nova Comisaría e do novo Punto de Encontro Familiar.

O proxecto foi redactado por Daniel Yábar, prestixioso arquitecto alacantino especializado neste tipo de instalacións, responsábel de actuacións como o Skatepark de Santa Lucía en Vitoria, a Skateplaza de Logroño, o Skatepark Parque de la Granja en Tenerife ou o Bowl Vía Hispanidad de Zaragoza.

O obxectivo do Concello é “construír un skatepark in situ a base de formigón gunitado (formigón aplicado con mangueira a presión, adaptado a calquera contorna) cunha zona de rúa e outra de rampla que estará integrada na paisaxe, constituíndo ademais unha aposta por un urbanismo inclusivo”. Disporá de diversos elementos para acompañar e permitir unha meirande vistosidade nos deportes urbanos, por exemplo unha pirámide, unha duna, un hip, unha miniramp ou un corner, etc…

Completarán a intervención a colocación de papeleiras, bancos, aparcabicis e instalación das columnas e proxectores.

O orzamento base de licitación é de 150.409,50 euros e o prazo de execución de tres meses.

As empresas interesadas dispoñen ata o 14 de novembro para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).