En Boiro detido un veciño que vendía droga desde unha escola unitaria que ocupara ilegalmente

Un veciño de Boiro foi detido pola Garda Civil o que permitiu o desmantelamento dun punto de venda de estupefacientes situado nunha escola unitaria ocupada ilegalmente.

A benemérita iniciou unha investigación no mes de setembro por mor das queixas recibidas nas dependencias da Garda Civil de Boiro por “a constante trasfega de persoas drogodependentes” nas inmediacións da Escola Unitaria San Mauro. Os axentes comprobaron que unha persoa, coñecida na zona polas súas actividades ilícitas, ocupara as instalacións desta escola, que empregaba como lugar para vender estupefacientes.

Coa orde xudicial para o rexistro, os axente rexistraron o inmoble, onde se incautaron de 87 dose de heroína e 84 de cocaína listas para a venda, oito gramos de marihuana, case 35 gramos de corte e máis de 440 euros en moeda fraccionada, así como básculas de precisión, teléfonos móbiles e numerosos envoltorios plásticos. O presunto responsable do punto de venda de droga foi detido como autor dun delito contra a saúde pública.

Imaxe: Garda Civil