Ecoloxistas en Acción denunciou o que considera un caso de ocultación de información na actividade de Pivota Metals, a mineira de San Finx (Lousame) e Varilongo (Santa Comba) que, segundo denuncia a plataforma, cambiou de nome para “agochar as súas desfeitas ambientais”. De feito, din, trátase da firma que se viña chamando Rafaella Resources.

Segundo explican, “hai tres anos que Rafaella Resources fíxose cargo da mina de Varilongo, en Santa Comba, e un ano desde que aceptou facerse cargo da de San Finx, en Lousame, tempo de abondo como para que a empresa conseguise queimar a súa imaxe, logo de ser ridiculizada ao mentir sobre un suposto apoio económico do Goberno alemán, desaloxada dun edificio público que ocupaba de xeito ilegal e estar exposta a numerosos procesos xudiciais que involucran ambas as dúas minas”. Ademais, engaden, nos últimos meses a cotización da empresa “caeu a mínimos históricos, sen conseguir rendemento algún máis alá dos dos propios directivos”.
Para Ecoloxistas en Acción, a mudanza de nome anunciarase en Londres durante o salón Mines and Money, onde tamén pretende vender a novos accionistas un proxecto de megaminería a ceo aberto en Santa Comba, xusto cando pode perder definitivamente as concesións, así como unha inviábel reactivación da mina de San Finx.
“En realidade”, explica a plataforma ambiental no seu comunicado, “a compañía asumira a súa anterior denominación mediante unha estratexia de back-door listin”, pola que un grupo de investidores compra unha empresa cotizada pero sen actividade para fuxir dos requisitos dos reguladores bursátiles a novas empresas cotizadas”.
Os ecoloxistas din que a manobra foi facilitada por Starboard Global Ltd., empresa con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas e oficinas en Hong Kong, que mantén o control efectivo sobre tanto sobre Pivotal Metals como de EuroBattery Minerals. Esta última, engaden, está promovendo outra megamina a ceo aberto noutra parte das concesións caducadas de Santa Comba, no chamado proxecto Corcel, situado entre Castriz e Coristanco.
Desde Ecoloxistas en Acción e as plataformas veciñais que se opoñen a este tipo de proxectos e en San Finx, Varilongo e Castriz, engaden “que a mudanza de denominación non engana a ninguén”, e que seguirán impulsando “os procesos xudiciais en curso e denunciando a actividade de Pivotal Metals en todas as instancias ata que se asuman e depuren as responsabilidades ambientais existentes”.