Catro funcións compoñen o ciclo teatral da Pobra para o mes de novembro

26 Outubro 2022

O calendario cultural da Pobra do Caramiñal conta para o mes de novembro cun ciclo teatral de catro funcións no Cine Teatro Elma, representadas por outras tantas compañías de renome no panorama galego. Todas elas serán os domingos, ás 19.00 horas, para así facilitar a asistencia da veciñanza, ademais de que a entrada é libre ata completar a cabida.

“Apostamos unha tempada máis polas artes escénicas como un mecanismo dinamizador da vida cultural na época outonal dada a boa acollida por parte da sociedade en anteriores anos”, comentou na presentación do ciclo a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada pola técnica municipal desta área, Fita Sanisidro. As dúas adiantaron que o mes de xaneiro destinarase ao teatro afeccionado e o de febreiro ao escolar.

A mostra arranca no día 6 con De algo hai que morrer, de A Laberca; unha conferencia fúnebre-cómico-teatral na cal dous prestixiosos e peculiares científicos, Jeckill e Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta toda a poboación: a morte. Ámbolos dous dramatizarán e darán resposta a preguntas relacionadas coa cuestión principal sempre dende a perspectiva humorística.

Redrum Teatro representará Un home con lentes de pasta no día 13. A historia preséntanos a Sheyla, quen acaba de ser abandonada pola súa parella. Laura e Fer quérena animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade os desexos que aparcara: escribir. Traerán a cear a Guillerme, o poeta capaz de namorar calquera cuns breves versos. Pero a el non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

No día 20 será a quenda de A Panadaría con As que limpan, que parte dun letreiro pendurado no manubrio dun cuarto no que se le “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. A obra fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos.

A peza Pirolíticos, de Mofa & Befa, pechará o cartel no día 27. Trátase esencialmente dunha guía con lentes violeta que, seguindo a estrutura de sketches, pretende reflexionar sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, recoñecer a súa posición de privilexio e amosar as contradicións que estas influencias provocan no día a día, poñendo o foco en todo o momento sobre un home que simpatiza co feminismo e aspira a vivir en consonancia con el, pero que ten que enfrontar un machismo profundamente arraigado.

O dito programa está organizado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.