As experiencias tecnolóxicas e humorísticas da influencer galega Chola chegan en novembro a Porto do Son

A Casa da Cultura de Porto do Son vai acoller o vindeiro 19 de novembro a representación do espectáculo Chola, a IT girl, unha función na que se enxalzan as potencialidades da nosa esencia galega como contidos de éxito nas redes sociais e nos novos media.

As persoas que queiran acudir terán que reservar a súa entrada a partir deste xoves 13 de outubro, na Casa da Cultura. A función, abeirada á axenda de cultura da Deputación da Coruña, dará comezo ás 20.00 horas.

Sinopse

Segundo nos conta a produtora Urdime, a obra ponnos na pel de Chola, mecánica de coches, blogueira e youtubeira galega, que é chamada por un teatro para presentar o seu show. Esta orixinal e rompedora personaxe revela a súa connotación de IT girl con enxeño, humor e personalidade amosando a súa realidade imperfecta fóra dos canons da imaxe actual da felicidade que se proxecta a través da redes sociais. Na peza maniféstase dun xeito ameno e rompedor a importancia de ser muller no rural, da sabedoría popular e do uso das novas tecnoloxías.

Ficha artística

Autora e directora Laura Villaverde
Actriz Laura Villaverde
Escenografía Roi Fernández
Deseño iluminación Roi Fernández