A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro con representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria na que lles trasladou os pasos que a Xunta está a dar na redacción e deseño da Lei de Ordenación do Litoral de Galicia (Lolga) co obxectivo de que o sector coñeza como vai ser o procedemento e participe activamente nas distintas fases. Nese sentido, incidiu en que poden realizar aportacións tanto agora como no momento en que se abra o prazo de alegacións coa de finalidade elaborar un texto que inclúa as principais necesidades das empresas do complexo mar-industria da comunidade.
A titular de Mar tamén expuxo que o Consello da Xunta vén de aprobar a presentación ante o Tribunal Supremo do recurso contencioso-administrativo contra a recente reforma do Regulamento Xeral de Costas. O Executivo galego pretende frear así a deriva do Goberno estatal cara unha normativa cada vez máis restritiva co fin último de expulsar calquera presenza de actividade humana e económica no litoral e sen ter en conta as súas consecuencias socioeconómicas. Rosa Quintana estivo acompañada nesa xuntanza polas secretarias xerais técnicas de Medio Ambiente, Carmen Bouso, e de Mar, Silvia Cortiñas, así como polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.