A Deputación da Coruña puxo en marcha o II Circuíto de Cultura en Igualdade, que traerá funcións e actividades aos nosos concellos, todas elas co nexo común de avanzarmos no respecto pola diversidade sexual, na igualdade de xénero e na loita contra a violencia machista. Inclúe accións a desenvolver ao longo dos vindeiros catro meses en 21 municipios da provincia e dous centros infantís de titularidade provincial.

O programa vén con nove propostas de teatro, música e contacontos nos que se traballa a diversidade sexual, a sensibilización en materia de igualdade de xénero e a prevención da violencia machista. Haberá funcións en Rianxo, Boiro, Dodro, Rois e A Pobra do Caramiñal.
A segunda edición do Circuíto Cultura en Igualdade, do departamento de Igualdade da Deputación da Coruña, arrancou este mércores 5 de outubro na Casa da Cultura de San Sadurniño, onde a compañía Pérez&Fernández representou a versión teatral da novela de María Solar Os nenos da varíola.
“Na diagnose de igualdade feita polo noso departamento”, explica a deputada María Muíño, “propuxémonos que o Circuíto siga apostando por ferramentas que propicien un cambio de valores para o fomento dunha sociedade igualitaria inclusiva e diversa”.
Os espectáculos están destinados a todos os grupos de idade e traballan temáticas e tramas que van desde a lembranza das casas refuxio e as mulleres libertarias (As Mapoulas, de Laboratorio Escénico) até a viaxe de Isabel Zendal (O nenos da varíola, de Pérez&Fernández), pasando polo tratamento da violencia dixital (Miss Docet, de Compañía Eléctrica), o reencontro de tres amigas (Feminíssimas, de De Ste Xeito Producciones), a vida da pedagoga María Barbeito (As alumnas, de Culturactiva Producións), os problemas de conciliación (4.0, de Sue Moreno), as mulleres do mar como protagonistas (Asdomare, de Rilo & Penadique), a música de tradición oral feita por mulleres (Ris Ras, de Baobab Teatro) e a influencia das redes sociais, o selfie e o sexting na creación da propia identidade (Amantis, de Rebordelos).
Ademais de San Sadurniño, o II Circuíto Cultura en Igualdade fará parada, desde este mes ata febreiro de 2023, en Rianxo, A Laracha, A Pobra, Mañón, As Pontes, Vimianzo, Val Do Dubra, Rois, Trazo, Boiro, Moeche, Malpica, Boimorto, Coirós, Dodro, Brión, Arzúa, Camariñas, Pontedeume, o Centro de día de menores de Ferrol e o Fogar Infantil Emilio Romay, da Coruña.
Programa
“OS NENOS DA VARÍOLA”, DE PÉREZ&FERNÁNDEZ
· 5/10, Casa da Cultura de San Sadurniño
· 9/12, Rianxo
“MISS DOCET”, DE COMPAÑÍA ELÉCTRICA
· 23/10 (20 horas), Teatro Elma, A Pobra
· 2/12, A Laracha
· 3/12, Betanzos
· 4/02/2023, Mañón
“AS MAPOULAS”, DE LABORATORIO ESCÉNICO
· 15/10 (20 horas), Auditorio Municipal Cine Alovi, As Pontes
· 23/11, Vimianzo
“4.0”, DE SUE MORENO
· 15/10 (18.30 horas), Patio CEPI Val Do Dubra, Val do Dubra
· 12/11, Rois
· 24/11, Trazo
“AS ALUMNAS”, DE CULTURACTIVA PRODUCIÓNS
· 5/11, Boiro
· 27/11, Moeche
· 3/12, Malpica
“ASDOMARE”, DE RILO & PENADIQUE
· 23/11, Boimorto
· 24/11, Coirós
· 25/11, Dodro
“FEMINÍSSIMAS”, DE DE STE XEITO PRODUCCIONES
· 16/12, Brión
· 17/12, Arzúa
“RIS RAS”, DE BAOBAB TEATRO
· 3/02/2023, Centro de día de menores de Ferrol