O Diario Oficial de Galicia publica a inclusión de 27 novos barcos ao rexistro de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, unha base de datos integrada no Censo de Patrimonio Cultural posta en
marcha o pasado mes de xullo e que forma parte das medidas de salvagarda da Xunta para garantir o legado das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, Ben de Interese Cultural desde 2019. Con esta nova incorporación son xa 50 as embarcacións incluídas neste censo.
As embarcacións que se incorporan no censo teñen porto habitual en Ferrol, Muros, O Grove, Oleiros, Ribeira, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Tal e como establece o decreto de declaración BIC, estes bens deben ser anotados no censo correspondente para o coñecemento e difusión, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, estes bens deben ser anotados no censo correspondente.
Para estar incluído é preciso enviar a solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, desde onde se remiten ao órgano de xestión impulsado polo Goberno galego constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari, en representación dos portadores e mestres carpinteiros), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías –estas dúas últimas en representación dos usuarios–, así como por un experto independente e outro de Portos de Galicia. Valóranse cuestións como a antigüidade, a autoría ou a correspondencia cos
modelos tipolóxicos. Finalmente a Xunta, recollendo o parecer deste órgano, estima ou desestima a solicitude e notifícaa ás persoas interesadas.
A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia é voluntaria e corresponde á persoa ou entidade solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega segundo os termos indicados no decreto de declaración como Ben de Interese Cultural.
A Xunta reclama que o Goberno esixa responsabilidades á armadora do “Toconao”
A semana pasada cumpriuse un ano dende a localización na nosa costa dos vertidos de granulados plásticos do buque Toconao, que perdeu seis contedores deste material á altura de Viana do Castelo e cuxo contido inzou boa parte da costa galega e do Barbanza. Coincidindo...