18 persoas residen nos pisos tutelados e 70 participan nas actividades dos centros de rehabilitación psicosocial de Noia e Ribeira

13 Outubro 2022
Formoso destaca en Noia a importancia de “non estigmatizar” as enfermidades mentais e “avanzar na inclusión e mellora da calidade de vida das persoas que as padecen e as súas familias”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe as instalacións que ten no Concello de Noia a Asociación Saúde Mental A Creba, que atenden a persoas con enfermidades mentais, entre as que se atopa unha vivenda tutelada que conta co financiamento da administración provincial.

Formoso realizou esta visita na semana na que se conmemora o Día Internacional da Saúde Mental Formoso e estivo acompañado polo presidente e a coordinadora de A Creba, Xosé Ramón Girón e Covadonga Rodríguez, e polas deputadas de Benestar Social, Ana Lamas, e Educación, Sandra González.

A Asociación Saúde Mental A Creba xestiona 4 vivendas protexidas, unha delas cedida polo Concello de Noia. Destas, a única que é da súa propiedade é a que foi recentemente adquirida co apoio económico da Deputación, e que está situada no casco urbano de Noia, próximo a outro dos pisos protexidos.

Segundo explicaron os responsables da entidade, trátase dun primeiro piso con ascensor e rampla para cadeira de rodas, está completamente equipado e amoblado e conta con cinco dormitorios, un amplo salón individual ao carón da entrada, dous baños completos, un deles adaptado, unha ampla e luminosa cociña.

“Nestes pisos tutelados residen en total 18 persoas e o obxectivo da asociación é ofrecer unha alternativa residencial a persoas con discapacidade a consecuencia de trastornos mentais que presenten un problema social de aloxamento ou que precisen un cambio na convivencia, promovendo e apoiando a súa integración social e familiar, ofrecendo os apoios necesarios para mellorar o seu funcionamento psicosocial e posibilitando a maior autonomía e independencia posible”, explicaron os responsables da entidade.

Ademais, os usuarios e usuarias dispoñen dun teléfono de atención directa que funciona 24 horas ao día os 365 días do ano e reciben visitas diarias das supervisoras da entidade.

Valentín González Formoso eloxiou a labor  que realiza A Creba a través dos pisos tutelados, que “funcionan como un apoio imprescindible para as familias dos usuarios e usuarias” e que “promoven unha melloría palpable na súa calidade de vida, dándolles as ferramentas necesarias para realizar a súa integración total na comunidade”.

Formoso sinalou a importancia de “non estigmatizar” as enfermidades mentais e “avanzar na inclusión, apoio e mellora da calidade de vida das persoas que as padecen e as súas familias”.

Apoio á rehabilitación psicosocial e laboral

A Deputación da Coruña tamén colabora, a través das liñas de axudas de Benestar Social, co financiamento da actividade dos dous centros cos que conta a Asociación Saúde Mental A Creba, un situado en Noia e outro en Riveira.

En total, entre os dous centros, atenden a case 70 persoas. No de Noia hai 40 persoas no Centro de Rehabilitación Psicosocial e 8 persoas no Centro Ocupacional mentres que en Riveira contan con 20 usuarios e usuarias. Estas instalacións funcionan como centro de día, de rehabilitación social, de formación para o emprego e a inserción laboral. Ademais, ofrecen ás familias servizos de axuda a domicilio, atención no rural…

Segundo sinalan desde a entidade, unha das súas principais necesidades é o transporte, co que a Deputación colabora a través da compra de vehículos, para trasladar ás instalacións de Noia e Riveira a usuarios de toda a comarca do Barbanza.

En total, a Deputación da Coruña apoia, a través das diferentes liñas de subvención da área de Benestar Social, a 269 entidades de toda a provincia. “Este tipo de axudas permítennos financiar actividades ou investimentos de entidades como A Creba, que desenvolven unha gran labor social e cobren necesidades e situacións ás que as administracións non podemos chegar directamente, por iso son tan importantes”, sinalou Formoso.

Fundada en 1994 por iniciativa dun grupo de profesionais e familiares de persoas afectadas por enfermidades mentais, A Creba é hoxe un dos centros de referencia en Galicia no seu ámbito.

Entrega de vehículo ao Club de Remo de Noia

Formoso aproveitou a visita a Noia para facer entrega ao Club de Remo local dun novo vehículo para o transporte dos deportistas e embarcacións. O presidente provincial visitou as instalacións do club acompañado da presidenta da entidade, María Jesús Blanco, o adestrador, Benito Horta, e as deputadas  de Educación, Sandra González, e Deportes, Cristina Capelán.

Alí destacou que “este é o décimo vehículo que entregamos a unha entidade deportiva este ano” e salientou “o gran traballo que realizan clubs como este de Noia, que conta con casi un centenar de deportistas federados, fomentando disciplinas como o remo, na que Galicia é claramente unha potencia, e ademais favorecendo entre os máis novos uns hábitos saudables e uns valores moi positivos como son todos os ligados ao deporte”.

A furgoneta conta con nove prazas, das cales dúas son adaptadas para deportistas que conten con discapacidade física.

O Club de Remo de Noia conta con outros materiais como embarcacións e remolques para transportalas adquiridas coa colaboración económica da área de Deportes da Deputación,

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana”. Mario Clavell

“Desde la ventana”. Mario Clavell

En este martes laborable miro desde mi ventana de trabajo el valle del Sarela, monte Pedroso detrás, los cultivos agostados debajo, el barrio de Casa Novas y la Casa del Presidente. Nubes de otoño y algunas gaviotas que planean. Chopos y plátanos amarillean en este...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.