“A Palmeira non se lle minte. Verán do vinte e dous”. Celia García Pillado

02 Setembro 2022

A Palmeira non se lle minte! Este foi o lema que mobilizou a moita da veciñanza de Palmeira e da contorna ante a grave situación que atravesa a nosa parroquia.
Creo que a estas alturas a maioría xa sabedes ao que me refiro, pero por se queda por aí algún despistado ou despistada, vou facer un pequeno resumo do acontecido durante este caloroso verán que nos tocou vivir, que poderiamos titular “verán do vinte e dous” facendo comparanza coa famosa novela de Herman Raucher, Verano del
42, que narra un verán inesquecible para o protagonista. Salvando por suposto as diferencias, quizais en moitos aspectos Palmeira tamén viviu o seu verán particular, de
loita e reivindicacións.
Ala polo mes de xuño, o médico titular da praza colle a baixa, a cal se prevía longa, como así foi… pasaban os días e a praza non se cubría, o rumor de que estamos sen médico corre de boca en boca, e o malestar ante a situación crece.
Aí comeza a loita de todo un pobo, máis ben de case todo, porque hai persoas moi fieis á cor política, que a día de hoxe aínda nos acusan de manipular os feitos.
A veciñanza empeza a mandar reclamacións ao SERGAS e dan a calada por resposta.
Tarde, mal, e arrastro, como di o noso refraneiro, contestan con respostas tipo, que cando menos insultan á intelixencia. Aquí iníciase a sarta de mentiras, si, mentiras, palabra que cabrea moito ao noso mandatario. Poderiamos utilizar algún sinónimo, pero creo que mentira é a palabra correcta, a que mellor define a forma en que se pretendía enmarañar á veciñanza con falsidades intencionadas, día tras día.
Ante esta situación, as veciñas organizámonos, fixemos xuntanzas veciñais, ás que por certo acudiron todos os grupos políticos con representación municipal agás o PP que só veu unha vez, poñendo como desculpa pola ausencia, que tiñan que ser convidados, e ante todas as persoas congregadas, o representante do PP comprometeuse a arranxar o problema en poucos días. Pois ben, non foi así, aos feitos e probas remítome.
Convocamos tamén ao tecido asociativo para pedir o seu apoio. A día de hoxe aínda hai moitas asociacións que non contestaron, así que entendemos que non apoian as demandas das veciñas e veciños.
Pegamos carteis informativos e reivindicativos por todo o pobo, acudimos, convidadas polo BNG, ao Parlamento de Galicia onde vimos, en vivo e en directo, como o Partido Popular votaba en contra de cubrir a baixa do médico en Palmeira e da reapertura dos Centros de Saúde de Cabo de Cruz e Taragoña.
Solicitamos reunión co Alcalde para explicarlle o sentir e preocupación ante a situación que estabamos a vivir. Despois de case un mes, por fin nos recibe, pero máis do mesmo: desculpas, reproches… pódese dicir que as case dúas horas que estivemos alí foron intensas e por momentos tensas, cada quen que saque as súas conclusións.
O dia 21 de agosto convocamos unha Manifestación a que acudiron centos de persoas da parroquia e de toda a contorna, cualificada pola prensa como “Palmeira fue un clamor para exigir atención médica a tiempo completo”, e moitos máis titulares onde se recollía o éxito da convocatoria, incluso se chegou a dicir nalgún artigo que fora a manifestación máis numerosa que se recorda en Palmeira.
Despois da xa famosa manifestación, non exenta de polémica, sendo moi respectables as opinións diversas que poda ter cada quen, recomendo unha lectura sosegada e imparcial dos feitos, e sobre todo, máis comprensión lectora.
Tamén aclarar que era unha manifestación autorizada pola Subdelegación do Goberno, o cal me leva a non entender por que non acudiron ao lugar as Forzas e Corpos de Seguridade, deixando a centos de persoas discorrer por unha estrada que a esas horas ten un tráfico intenso, co perigo que iso representa para vehículos e peóns. Agradecer o comportamento dos condutores, que en todo momento colaboraron, e moitos deles tamén se sumaron á protesta. E creo que non será por falta de persoal, porque as persoas que estabamos no Pregón da Festa do Polbo en Palmeira vimos como acompañaban ao Sr. Alcade dous policías locais, feito que nos pareceu, cando menos, chocante pois somos un pobo pacífico e educado. De seguro que hai unha razón para elo.
E chegamos ao que me levou a escribir hoxe esta reflexión en voz alta, mellor dito, escrita. Hai uns días lía na prensa e escoitaba con interese, pero ao mesmo tempo con certo asombro, unhas declaracións do alcalde Manuel Ruiz, nas que afirmaba que Palmeira xa tiña médico tres horas e media cada día, e que era suficiente para a demanda da poboación. A min estas afirmacións suscítanme varias preguntas:
Considera o Sr. Alcalde que tres horas e media, que non son reais posto que hai que incluír no horario as visitas a domicilios, son suficientes para unha atención de calidade cando o Centro de Palmeira conta con case mil duascentas cartillas? Por que ata o de agora tiñamos un facultativo a xornada completa? Ou acaso non facía falla, emalgastábamos recursos? Tamén incidía en que non hai lista de espera. Raro me
parece, porque cando tiñamos médico a tempo completo si as tiñamos, pero confiemos en que así sexa, non dubidarei eu das súas afirmacións. Que vai pasar cando chegue o outono coas gripes, campañas de vacinación… seguiremos sen listas de espera? Témome que non.
E xa de paso aclarar tamén, pola parte que me toca, que creo que xa o Concelleiro do meu Partido explicou no Pleno Municipal o porqué de votar en contra de esas outras dúas cuestións ás que se refire tamén nas súas declaracións, pero non teño ningún inconveniente en volver a facelo si non lle quedaron claras.
Así que, xa para rematar, dicir que seguimos coa mesma forza e ganas de loitar polo que cremos que é un dereito fundamental para o noso pobo: unha sanidade pública e de calidade a tempo completo.
Isto é a crónica dunha morte anunciada.
Palmeiráns e palmeiranas, levantemos a voz polos nosos dereitos! Nunca un pobo unido foi vencido.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desaloxos de familias vulnerables” – José Manuel Pena

“Desaloxos de familias vulnerables” – José Manuel Pena

Os desafiuzamentos da vivenda habitual, por orde xudicial, continúanse producindo cada día. A pesar dos avances lexislativos, da propia Lei de Vivenda e demais Reais Decretos Leis para protexer e garantir a vivenda ás persoas e familias vulnerables, moito máis con...

“Auditorio novo en Lugo” – Xulio Xiz

“Auditorio novo en Lugo” – Xulio Xiz

Cando era moi novo, na aldea, falábase da “hora vella” e da “hora nova”, para diferenciar a que hoxe teñen en Portugal, a nosa tradicional, da que o réxime elixiu para España nas horas altas do poderío alemán. Do mesmo xeito, cando nunha familia pai e fillo levaban o...