En Ribeira reunión a cinco bandas para buscar unha solución ás incidencias no transporte escolar en alumnado de ESO

O salón de plenos do consistorio local acolleu esta mañá unha reunión a cinco bandas para buscar unha solución ás incidencias que durante o principio de curso se están producindo no transporte escolar, fundamentalmente en parte do alumnado de ESO que acude aos institutos Leliadoura e Número Un.
Os directores destes dous centros, os representantes das súas Anpas e máis outro en representación dos Anpas do municipio, integrantes da empresa Monbus e membros da Consellería de Mobilidade,
mantiveron, xunto co alcalde, unha reunión de máis de dúas horas de duración na que se abordaron as posibles vías de solución partindo da base de que se trata de dúas problemáticas distintas.
Así, no que respecta ao IES Número Un, trátase dun centro educativo catalogado como urbano no que a maioría dos seus alumnos non teñen dereito a transporte escolar. Son excepción os que residen en
Palmeira a máis de dous kilómetros do centro, que ata agora veñen servíndose da liña regular. Como medida máis inmediata acordouse reforzar esa liña procedente de Palmeira aumentando a capacidade
dos buses que a percorren. E o que se pretende máis a longo prazo é que se lles recoñeza ese dereito, obxectivo para o cal xa se realizaron xestións con Educación a efectos de que llo traslade a Mobilidade,
ademais de dimensionar o número de alumnos de ESO afectados.

No caso do IES Leliadoura, este é un problema máis complexo ao convivir multitude de alumnos que teñen dereito a ese transporte escolar con outros que cursan estudos non obrigatorios, existindo tres
liñas en funcionamento con destinos a Aguiño por Carreira, a Aguiño por Castiñeiras e a Corrubedo.
Representantes do centro e da empresa Monbus manterán este luns unha nova reunión para estudar a casuística concreta e consensuar unha solución que vai pasar en todo caso por unha reorganización do
servizo. Ademais, atallarase a problemática específica dos primeiros días do semana (nos que tamén hai clases en horario de tarde con risco de perda de horas lectivas por retraso), reforzando o servizo de
autobuses a partir do próximo luns.
O Concello é consciente de que mentres non haxa unha solución definitiva se poden seguir producindo incidencias puntuais e brindouse en todo caso a ofrecer calquera axuda temporal que faga falla en tanto en canto as outras administracións non o solucionen polos cauces regulamentarios.