O Rotogal Boiro Voleibol acaba terceiro en San Sadurniño tras ofrecer unha gran imaxe ante o equipo anfitrión

Miguel Alvarez.- O Rotogal Boiro Voleibol asinou un partido polo terceiro e cuarto posto de menos a máis e pechou a súa participación no cuadrangular de San Sadurniño na terceira posición. Os de Emilio Palacio bateron por 3-2 ao Intasa, o equipo anfitrión e o mesmo rival que lles superaba hai unha semana na Copa Galicia. Fixérono coas baixas de Elgueta, Wu Cheng-Tang e Kleist Mendonça, os seus tres estranxeiros, e con protagonismo para todos os xogadores dispoñibles.
O arranque do Rotogal Boiro Voleibol foi moi bo. Cun xogo consistente e boas prestacións no saque, os da Cachada tomaron a iniciativa no primeiro set. Con todo, unha crise no tramo final da manga derivou no triunfo parcial do San Sadurniño (19-25).
O choque desenvolveuse baixo unha gran igualdade. Os boirenses asumiron a dianteira na segunda manga e equilibraron a balanza (25-18), pero o San Sadurniño reaccionou na terceira para recuperar
a dianteira (18-25). Emilio Palacio dosificou a Adrián Alves, que só participou nos dous primeiros
sets, e a Martín Casais. Ademais, Ismael Martínez asumiu o rol de colocador nos tres últimos parciais para dar osíxeno a Jaime Arjones.
No cuarto set, o Rotogal Boiro Voleibol volveu tomar o control do xogo e enviou o partido ao quinto set (25-20). No tie break, o San Sadurniño dominou durante o arranque. Pero os de Emilio Palacio elevaron as prestacións para asinar un epílogo excelente, sen fisuras no xogo, para amarrar o choque.
Derrota ante o Emevé en semifinais Rotogal Boiro Voleibol, 0: Alan Davila, Mario Iglesias, Jaime Arjones, Gaby do Carmen, Héctor Barro, Martín Casais e Adrián Alves (líbero). Tamén xogaron Ismael Martínez, Martín García e Juan Quelle.
Arenal Emevé, 3: Romaní, Aurelio Rodríguez, Víctor Bouza, Vitao, Koko Linares, Gabriel e Rodrigo Gallardo (líbero). Tamén xogaron Pau Mena, Pablo Villar, Luca Biliato, Jorge Anane, Charles e Samu Barrasa (líbero).
Sets: 0-1 (21-25), 0-2 (20-25) e 0-3 (22-25).
O Rotogal Boiro Voleibol comezou a súa participación no cuadrangular de San Sadurniño cun duelo ante o Emevé na rolda de semifinais. Os lucenses fixéronse coa vitoria por 3-0. O resultado non fixo xustiza ao visto sobre o parqué, xa que a igualdade foi a tónica predominante ao longo do encontro. Con todo, o Emevé fixo valer a súa maior experiencia e profundidade de banco para inclinar a balanza cara ao seu lado nos tramos decisivos dos tres sets.