O outono empeza este venres ás 03,40 horas e durará ata as 21,48 do 21 de decembro

22 Setembro 2022

Este venres 23, ás 3.40 horas comezará o outono no hemisferio boreal. Tal e como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, nese instante, o Sol estará no punto Libra da eclíptica atravesando o plano do ecuador dende o hemisferio norte da esfera celeste cara ao sur. A nova estación vaise prolongar ata as 21.48 do 21 de decembro, momento en que terá lugar o solsticio de inverno. De forma semellante ao que acontece cando se inicia a primavera, “estamos en datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración, de aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano”, engade o profesor Docobo.

Entre os fenómenos astronómicos máis salientables deste outono o responsable do Observatorio destaca a choiva de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano e que terá o seu máximo o 14 de decembro, agardándose poder observar ata 150 meteoros/hora na noite dese día. Outras choivas de estrelas, como as Dracónidas e Oriónidas de outubro ou as Leónidas de novembro presentarán moita menor intensidade.

Por outra banda, Xúpiter e Saturno, que agora poden observarse a simple vista cara ao sueste a primeiras horas da noite, vanse poder observar durante todas as noites desta nova estación. Como especifica José Ángel Docobo, a Lúa estará aparentemente preto de ditos planetas nuns días en cada un dos vindeiros meses e, ao igual que o ano pasado, producirase unha curiosa aliñación de Xúpiter, Saturno e Venus, logo do solpor, a finais do outono. Venus seguirá como luceiro do alba, pasando a verse no solpor en novembro e decembro.

En relación ás eclipses o responsable do Observatorio sinala unha parcial de Sol de moi baixa magnitude o 25 de outubro observable no nordeste peninsular pero que en Galicia pasará inadvertido excepto na parte mais oriental na que vai ter unha presenza residual.

Meteoroloxía

As choivas da primeira quincena de setembro corrixiron en parte o déficit hídrico dos meses anteriores, afirma o profesor Docobo. Neste senso, nos últimos días de xuño medíronse na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller 29,2 litros/m2  (en 5 xornadas e outra con precipitación inapreciable); en xullo foron  5,7 l/m2 ( en 3 +2 dias); 17,5 l/m2 en agosto (2 + 1); e 143,8 l/m2 nos primeiros 21 días  de setembro (8 + 0). No cómputo total do verán rexistráronse sobre Santiago un total de 196,2  litros/m2, “que logo da forte seca sufrida converteuse globalmente nun verano bastante normal dende o punto de vista pluviométrico, pero con choivas concentradas ao final da estación” explica José Ángel Docobo.

Segundo o investigador, “houbo veráns moito mais secos no presente século, como o de 2016 (con 72,4  l/m2), e sobre todo o de 2010 con só 54,8  l/m2”. Tampouco o bimestre xullo-agosto bateu récords de seca. Os 23,2 l/m2 correspondentes a estes meses de 2022 foron superiores aos 13,8  l/m2 do mesmo período de 2016. Este período de meses fora especialmente seco nos anos 1981 (6,7  l/m2) e 1969 (3,1  l/m2).

Aínda así, dende o Observatorio universitario destacan as cifras que dan conta da seca experimentada a estas alturas do ano, con tan só 670 litros/m2 de precipitacións rexistrados na capital de Galicia a falta de pouco máis de tres meses para rematar o ano, cando media anual é de 1.800 l/m2 e no ano máis seco (2007) rexistráranse 1.200 l/m2.

Polo que atinxe ás temperaturas, o verán que remata deixa 19 días con máximas superiores aos trinta graos na comarca compostelá, destacando a calor abafante dos días 12 (39°2) e 14 (39°4) de xullo. Tamén as mínimas, sen bater récord, foron especialmente severas neses mesmos días ao non baixar dos 23°. Como explica o profesor Docobo, a media das temperaturas máximas de xullo con 28°7 “é unha marca histórica, estando moi preto tamén a de agosto con 27°5”. Porén a temperatura máxima absoluta segue a ser a de 20 de xullo de 1990 con 40°3, seguida dos 39°7 do 12 de agosto de 2003.

Foto Santi Alvite

Outros artigos

Mércores 11, nubes e claros e temperaturas sen cambios

O mércores comezará con bancos de néboa e nubes baixas, especialmente persistentes nas provincias de Lugo e Ourense. Co avance do día, os ceos estarán parcialmente cubertos. No norte da provincia de Lugo, prevese a posibilidade de chuvascos ao longo de toda a xornada....

+

Martes 10, nubes e claros e temperaturas baixas

A situación meteorolóxica manterase estable este martes con ventos do nordés, que seguirán canalizando aire frío procedente do interior do continente europeo. Os ceos presentarán nubes e claros, con chuvascos que serán máis frecuentes e intensos na metade norte de...

+

Luns 9, aire frío e chuvascos

O luns, as altas presións situaranse sobre as Illas Británicas, teremos así circulación do nordés achegando aire frío e chuvascos a Galicia, unhas chuvias que serán máis probables e intensas na metade norte. A cota de neve situarase nos 900-1000 metros pola mañá,...

+

Domingo 8, Día da Inmaculada, chuvias e temperaturas baixas

Durante o domingo, día da Inmaculada Concepción, seguiremos con aire moi frío. Teremos chuvascos máis probables e intensos na metade norte e intermitentes na comarca. A cota de neve baixando dos 1.000 metros pola noite sobre todo no interior. As temperaturas sufrirán...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...