O novo Auditorio de Ribeira adíase até xuño do 23

A nova data foi notificada polo alcalde ribeirense durante o pleno extraordinario deste mércores, no que se atopou coas críticas dunha oposición que lembrou que o orzamento inicial marcouse en 2,5 millóns de euros e que no último rolda xa os 4,5. A eles respondeu o popular con que das arcas municipais non sairán máis de 2 millóns, e que os 400.000 euros a maiores que se aprobaron cos votos a favor de PP e PSOE, serán abonados polas consellerías de Presidencia, Vicepresidencia e Medio Ambiente da Xunta.

O rexedor destacou que este último sobrecusto parte de que no momento da cimentación preto do aparcadoiro, os operarios atopáronse con entullos, polo que se tivo que construír un muro antes de continuar. A iso hai que sumar a necesidade dun guindastre de grandes dimensións pola presenza dunha liña de alta tensión.

Xurxo Ferrón, de Suma Ribeira, preguntouse se os cables non estaban aí antes e o portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, recriminou «a mala xestión do Concello en case calquera obra». Para José Manuel Vilas, do PSOE, estes cambios «evidencian os erros do Goberno». Máis visceral mostrouse Vicente Mariño, do PBBI, que afirmou que «só se pode explicar en vila Ruiz».

Pero, a pesar das críticas, os nove votos do PP, sumados aos dous do PSOE, permitiron aprobar a ampliación do prazo do contrato e a súa modificación. O auditorio, ao financiarse en parte con fondos europeos, terá que estar finalizado no 2023. Iso, ou haberá que devolver todo o diñeiro. Os 4,5 millóns.