O ministerio estuda recorrer o veto á pesca de fondo

A Secretaría Xeral de Pesca estuda a interposición de recurso contra a decisión comunitaria de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas, algo que reclaman a Xunta e o sector galego cunha “voz unánime” porque “hai fundamento”.

Así o trasladou o director xeral de Pesca, Antonio Basanta, ao termo dunha reunión coa titular de Pesca do ministerio, Alicia Villauriz.

No encontro participaron as direccións xerais de Pesca das comunidades autónomas e representantes do sector pesqueiro para tratar o contido e implicacións para España do acto de execución da Comisión Europea para establecer zonas de peche á pesca de fondo.

“Galicia e o sector pesqueiro galego mostrou unha voz unánime en favor dese recurso porque hai fundamento”, resaltou Basanta, antes de sinalar que a Secretaría Xeral de Pesca “ten esa vontade de analizar rigorosamente os posibles argumentos que se poidan levar para este recurso”.

Para o responsable de pesca da Consellería do Mar, “esa é a vía de rigorosidade” e precisamente é “a que non tivo a comisión” ao adoptar a decisión do veto. Por parte da Xunta, ofreceu “todos os datos que sexan precisos” tanto desde o punto de vista xurídico como desde o punto de vista técnico.