
O alumnado do grao de Arquitectura de CESUGA (Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia) proporá ao Concello de Carnota ideas para recuperar a antiga fábrica de salgadura do porto de Quilmas. Esta cuestión será, precisamente, a temática central dos Proxectos de Fin de Grao dos preto de dez estudantes que se desprazaron, na mañá deste 26 de setembro, ata o municipio. Alí foron recibidos polo alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e polo arquitecto municipal, que os acompañaron ata a vella nave.

A visita serviu para facer unha primeira inspección do lugar. Desta forma, os alumnos e alumnas iniciaron os seus proxectos coa realización das medicións nesta factoría, que, segundo lembraron dende o Concello, foi “un lugar clave na produción industrial relacionada co salgado de peixe no século XIX”.

Ata final de curso, os estudantes seguirán tres liñas de traballo: por unha banda deseñarán proxectos innovadores para recuperar a factoría e, pola outra, exporán iniciativas que estimulen o turismo sustentábel en Carnota. Por último, elaborarán diferentes investigacións sobre o patrimonio do municipio co fin de completar os estudos xa existentes.

A iniciativa que se realizará en Carnota é a continuación dunha experiencia que xa levou a cabo, con anterioridade, co Concello asturiano de Pesoz e co Concello das Pontes.
