Comeza a tempada de outono de ReferentesT2 cun novo episodio que chegará o venres 30 de setembro ás 12h ao Facebook e Youtube da área de Cultura da Deputación da Coruña
O activismo, como abordan as súas respectivas carreiras profesionais e artísticas, a súa relación co rural, o individualismo e a colectividade, e mesmo a súas visións sobre a sociedade actual, centran a conversa deste novo programa

A escritora, tradutora e activista, María Reimóndez, e o cineasta e tamén activista, Oliver Laxe, protagonizan o vindeiro episodio de Referentes. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación o venres 30 de setembro a partires das 12h.
O activismo de dous xeitos diferentes, dunha banda desde a volta ao rural e doutra desde a cooperación ao desenvolvmento, centran boa parte da conversa entre os protagonistas do novo episodio. Os referentes familiares e a identidade cultural, a emigración, o individualismo e a colectividade, son outros dos temas que van aparecendo ao longo do encontro.
Así, María Reimóndez e Oliver Laxe contrastan as súas respectivas visións sobre a sociedade actual e o seu papel activo para mudar comportamentos, visións coincidentes en moitos aspectos, mais non en todos.
Ambos contestan, ademais, á pregunta que os ‘referentes’ do anterior episodio –Pepe Solla e Manuel Gago-, lles deixaron formuladas e amosan cadanseu obxecto que consideran especial e a relación que ten coa súa vida e coa súa.
Referentes T2 estreouse o pasado mes de abril coa conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, continuou en maio co episodio que protagonizan Melania Freire e Pepe Barro e, en xuño con Pepe Solla e Manuel Gago. Tras esta conversa entre María Reimóndez e Oliver Laxe continuará aínda con dous episodios máis, que se estrearán en outubro e novembro.
María Reimóndez é escritora, tradutora e activista. É fundadora da organización de cooperación internacional feminista Implicadas/os no Desenvolvemento, que presidiu ata o ano 2013. Tamén é fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Traducción e da Interpretación. Como autora conta, entre outros galardóns, co Premio Xerais de Novela por ‘Dende o conflito’, co Premio Johan Carballeira de Poesía por ‘Galicia en bus’, o Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual por por ‘Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure’, e co Premio Plácido Castro de tradución pola tradución da obra ‘Mary Prince, una esclava de las indias occidentales’.
Oliver Laxe é actor, director e guionista de cinema. Nacido en París, fillo de pais galegos, vén de afincarse nos últimos anos na casa familiar do Courel, que pasou a reconvertir nun punto de encontro para iniciativas culturais e ambientais. A súa estrea na longametraxe chega en 2010 da man ‘Todos vós sodes capitáns’, galardoada na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes co Premio da Crítica Internacional. Seis anos depois, gaña con ‘Mimosas’ o Gran Premio de la Semana da Crítica do Festival de Cannes. En 2019, con ‘O que arde’, obtén o Premio do Xurado na Sección Oficial – Una Cierta Mirada, converténdose no primeiro cineasta do Estado – xunto a Víctor Erice- en ser seleccionado en Cannes coas súas tres primeras obras e o único en gañar en todas as participacións.