O Concello de Rianxo preparou para este mes de setembro unha visita guiada aos hórreos senlleiros e singulares do termo municipal. A experiencia será dirixida polo presidente de APATRIGAL (Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego), o arquitecto Carlos Coto.
A data e o lugar de encontro serán este sábado, 3 de setembro, ás 11:00 horas, na praza de Castelao. A visita terá unha duración aproximada de 3 horas. Haberá un mínimo de 15 persoas para a realización da actividade.

Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de APATRIGAL, será o encargado de relatar as características e singularidades das graneiras do concello. O arquitecto ten unha ampla experiencia no sector público e privado e é un gran apaixonado dos hórreos. Entre os seus obxectivos á fronte da asociación, está a de declaración de Patrimonio da Humanidade para estas construcións galegas.
Campo das graneiras de Meiquiz
Situado na parroquia de Leiro, esta eira situada na aldea de Meiquiz acolle un dos grupos máis numerosos de hórreos de Galicia. Destaca a variada tipoloxía e materiais empregados na súa construción.
Hórreo da Reitoral de Isorna
Nos terreos da Casa Reitoral de Isorna sitúase un fermoso hórreo de máis de 24 metros de lonxitude construído no 1805. Conta con 14 cepas como pés, tornarratos corrido e doelas de pedra. Ao seu carón pódese observar unha superficie elevada de pedra que se usaba para a malla ou para que o vento limpase o lixo do cereal. O conxunto complétase coa igrexa parroquial. As vistas permítennos ollar o Castro das Cercas, no monte que domina a desembocadura do río Ulla dende a súa marxe Norte.
Hórreo do Araño
O hórreo da reitoral do Araño ten a honra de ser o máis longo (37,05 m) e tamén o de máis capacidade do mundo. A súa inmensa cámara levántase sobre un celeiro de considerábel altura, e con espazo de almacenamento no seu interior. Construíuse a finais do século XVIII sendo crego Rafael López Lago. A parroquia do Araño é a máis extensa do municipio, e o hórreo é testemuña da importancia que tivo o rural en Galicia, así como do poder que tiña a Igrexa sobre a poboación. Neste lugar, ademais do hórreo, atópase unha fermosa casa reitoral, a igrexa parroquial, a capela da Virxe dos Milagres e un pombal na ladeira do monte.
Hórreo do Pazo de Viturro
O hórreo do Pazo de Rianxiño mide 24,90 m de longo, sendo o de maior tamaño construído totalmente en pedra. A historia desta graneira dinos que os canteiros que o fixeron realizárono os domingos para evitar ter que ir á guerra a África. A pedra que empregaron foi extraída da Devesa do Caseiro, a 1 Km de distancia, do mesmo xeito que a empregaron para unha lareira, para a bóveda dunha bodega que sería reconvertida en capela, e para o muro da parcela.