Clausurada unha nova edición dos obradoiros de conciliación Móvete da Pobra

Os obradoiros de conciliación Móvete concluíron neste 7 de setembro, véspera do inicio do curso escolar. Segundo lembrou o Concello, estiveron operativos durante todo o verán, poñendo de manifesto “a firme aposta da Administración local por favorecer a conciliación das familias”, tal e como indica a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), quen asistiu á clausura.

O servizo tivo (un ano máis) como epicentro o CEP Salustiano Rey Eiras no período de vacacións dos/as escolares con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Contouse, ademais, co Servizo de Madruga e a prestación de comedor para outorgar maiores facilidades.

Na clausura a edil defendeu a conciliación como “unha prioridade.” De feito, confirmou que nos días lectivos volverá o Servizo de Madruga aos centros educativos públicos da Infantil e da Primaria do municipio (CEP Salustiano Rey Eiras, CEP Pilar Maestú Sierra e EEI Fernández Varela).

Varela tamén puxo en valor o labor das 12 monitoras que se ocuparon de atender os obradoiros, ás cales cómpre sumar as outras 11 en prácticas.

Doutra banda, Loida Fernández, en calidade de coordinadora, salientou o horario de conciliación que se oferta neste campamento dende as 07.30 ata as 16.00 horas e as numerosas actividades creativas realizadas.

Segundo fixeron saber, os obradoiros contaron nesta convocatoria cunha participación de 33 nenos e nenas na primeira quenda, 115 na segunda, 178 na terceira e 33 na cuarta. A rapazada tivo ocasión de asistir a experiencias lúdico-recreativas adaptadas a cada rango de idade coa finalidade de inculcar valores da convivencia e autoestima, mellorar habilidades motrices básicas, contribuír ao desenvolvemento dunha autonomía persoal e establecer relacións de compañeirismo e amizade.